A CIG-Saúde gaña as eleccións sindicais na Fundación de Investigación Sanitaria de Compostela
A CIG-Saúde vén de gañar as eleccións sindicais celebradas onte na Fundación de Investigación Sanitaria de Compostela (FIDIS). A central sindical obtivo 100 votos e 9 delegadas/os, dous máis que nas anteriores, e a UGT obtivo 44 votos e 4 delegadas/os.
Mabel Sampedro, cabeza de lista da candidatura da CIG, considera que estes resultados veñen avalar o traballo realizado nestes catro anos. Un período no que salienta que se conseguiu asinar o primeiro convenio colectivo das Fundacións de Investigación Sanitaria.
Asegura que “isto vai permitir seguir traballando para negociar o mellor convenio posible para o vindeiro ano” e, sobre todo, agradece “á afiliación e a todas as traballadoras e traballadores que unha vez máis depositaran a súa confianza na CIG-Saúde, que saben que defenderá, con firmeza, os seus dereitos laborais, salariais e sociais”.