A CIG-Saúde esixirá na Mesa Sectorial do SERGAS a retirada do decreto dos PAC e denuncia novos recortes e imposicións

Nacional - 14 Abr 2026

A CIG-Saúde denunciará na reunión da Mesa Sectorial do SERGAS que terá lugar mañá, mércores 15 de abril, a política de recortes e imposicións da Consellaría de Sanidade, e esixirá novamente a retirada inmediata do decreto que modifica as condicións laborais nos Puntos de Atención Continuada (PAC).

A central sindical alerta de que este decreto supón un novo ataque ás condicións de traballo do persoal sanitario e á calidade asistencial, ao ampliar de maneira unilateral o horario dos PAC, incorporando os sábados como atención continuada en igualdade cos domingos e festivos.

Segundo denuncia a CIG-Saúde, esta medida implica máis xornada en fin de semana, maior carga de traballo e ningunha compensación económica ou laboral, o que constitúe un claro empeoramento das condicións do persoal “a custo cero”.

Ademais, critican que a Consellaría pretende impor este cambio sen negociación real, vulnerando os dereitos do persoal e utilizando a Mesa Sectorial como mero trámite para validar decisións xa tomadas.

Neste contexto, a CIG-Saúde lembra que este “decretazo” forma parte dunha estratexia máis ampla de deterioro da Atención Primaria, caracterizada pola sobrecarga asistencial, a falta de persoal e a ausencia de diálogo coa administración sanitaria.

Así mesmo, o colectivo de PAC ten convocada unha concentración mañá diante da Consellería de Sanidade coincidindo coa celebración da Mesa Sectorial. A CIG-Saúde apoia esta mobilización e fai un chamamento á participación para rexeitar este novo recorte de dereitos.

Ante esta situación, a CIG-Saúde acudirá á reunión da Mesa Sectorial co obxectivo de:

  • Exixir a retirada inmediata do decreto dos PAC
  • Reclamar un proceso real de negociación co persoal afectado
  • Demandar melloras nas condicións laborais e retributivas
  • Garantir unha Atención Primaria con recursos suficientes e de calidade

A central sindical advirte que non aceptará máis recortes encubertos nin imposicións e anuncia que continuará co calendario de mobilizacións se a Consellaría de Sanidade mantén a súa actitude. “Non imos permitir máis recortes nin máis imposicións. É o momento de negociar e respectar o persoal da sanidade pública”, conclúen.