A CIG-Saúde esixe unha solución definitiva para os problemas de esterilización no Álvaro Cunqueiro de Vigo
A CIG denunciou hai 10 días que o material cirúrxico do hospital Álvaro Cunqueiro estaba sendo enviado a Povisa para a súa esterilización, “segundo o Sergas como medida temporal para permitir a posta en marcha da nova central de esterilización”.
Segundo lembran, os problemas co material e a súa esterilización son constantes dende a posta en marcha do novo hospital e da reestruturación da actividade cirúrxica. “O feito de que aínda hoxe se estea a poñer en marcha a nova central de esterilización e se tomen medidas temporais para solucionar os problemas, seis meses despois da entrada en funcionamento do centro, indica a incapacidade da Xerencia da EOXI de Vigo para xestionar con eficiencia e seguridade a sanidade pública”.
Neste senso, dende a central nacionalista sinalan que mandar o material a esterilizar a Povisa tampouco serviu para garantir que ese material chegara aos quirófanos do Cunqueiro en condicións de seguridade para realizar as intervencións, “polo que continúan as suspensións e retrasos nas intervencións, coa conseguinte repercusión nas listas de espera”.
Polo tanto, censuran que en seis meses a Xerencia non fose quen de facer un diagnóstico correcto das causas que xeran os problemas, polo que os tratamentos aplicados non están a funcionar. “Insistimos en que é lamentable que tendo unha central de esterilización pública, acreditada e con profesionais competentes, nos vexamos, dende que se iniciou o traslado ao novo hospital, con continuos problemas co material, que ocasionan reiteradas suspensións de intervencións cirúrxicas”.
Reclaman que se escoite aos profesionais
Entenden que se a Xerencia escoitara aos profesionais que facían posible o funcionamento con altos estándares de calidade da antiga central de esterilización, “no canto de presionalos e facelos traballar en condicións imposibles”, sería máis doado facer un diagnóstico correcto e aplicar as medidas correctoras necesarias.
“Non parece tolerable que se siga a permitir que un aspecto básico na seguridade dos pacientes continúe sen funcionar; só a responsabilidade dos profesionais está a garantir esa seguridade, co incremento de tensión que se produce antes de cada intervención pola incerteza de son saber se a caixa de material virá en condicións de ser usada ou non”.
Diante disto, consideran que non se pode agardar por máis “solucións temporais” nin cambios da organización “para ver se funcionan”, polo que esixen da Xerencia unha avaliación “seria e competente” da situación e que tome as medidas necesarias para solucionala, “aínda que iso signifique ter que modificar decisións xa tomadas e cambiar o lugar do lavado e esterilización do material para facelo o máis próximo en tempo e lugar a onde se produce”.