A CIG-Saúde esixe a reversión ao público da cociña do hospital Álvaro Cunqueiro e do seu persoal
A federación de Saúde da CIG de Vigo esixe a reversión da cociña do hospital Álvaro Cunqueiro e do seu persoal ao ámbito público, unha vez que a empresa está a incumprir os seus compromisos e as instalacións presentan deficiencias só seis anos despois da súa posta en funcionamento.
Ao mesmo tempo, dende a central sindical reclaman, e continuarán a reclamar, a reversión total da concesión do hospital vigués para recuperar a xestión pública do centro e dos aspectos incluídos na concesión. “Pero neste momento consideramos que os feitos son de tal gravidade que nos obrigan a esixirlle ao presidente da Xunta a reversión das instalacións da cociña e do seu persoal e a recuperar a xestión pública, tal e como se facía no antigo hospital Xeral, para garantir unha prestación esencial para a asistencia sanitaria da cidadanía da nosa área sanitaria”.
Por iso lle remitirán hoxe mesmo un escrito dirixido ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade con estas reclamacións e solicitándolles unha actuación inmediata.
Segundo sinalan, esta solicitude está sobradamente xustificada, tendo en conta que a empresa que xestiona a cociña é incapaz de cumprir os compromisos adquiridos, “o que demostra o risco que supón deixar en mans privadas aspectos substanciais da asistencia sanitaria”.
Cociña paralizada
Neste senso, indican en que paralizar a cociña dun hospital despois de seis anos da súa construción “demostra que se primaron os intereses económicos da empresa concesionaria no canto da calidade da construción”.
Finalmente, inciden en que o feito de que se teña que recorrer á cociña dun hospital público, con persoal público, como o Lucus Augusti, para solucionar o problema creado pola privatización dun servizo esencial, “non fai máis que reforzar a nosa defensa dunha sanidade 100% pública, tanto no financiamento como na provisión de todos os servizos implicados na asistencia sanitaria”.