A CIG-Saúde entrega no Parlamento 4500 sinaturas en apoio da Iniciativa Popular para recuperar os salarios do persoal do Sergas
A federación de Saúde da CIG fixo entrega esta mañá no rexistro do Parlamento galego dun total de 4500 sinaturas en apoio da Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para reclamar a recuperación dos acordos retributivos do persoal do Sergas suspendidos en 2010 e que aínda non foron recuperados. Dende a central sindical agardan que se poida debater no mes de setembro co obxectivo de que na elaboración dos orzamentos de 2023 se incorporen as partidas necesarias para recuperar os salarios do persoal.
Segundo explicou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, trátase de recuperar o complemento específico, que configura unha retribución complementaria cuxa contía vén determinada polo Goberno galego e que está destinado a retribuír as condicións particulares dalgúns postos en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade.
Lembrou ademais que desde a transferencia do sistema sanitario á Xunta, o persoal do Sergas vén demandando percibir a mesma contía retributiva, por ese concepto, que a asignada ao resto do persoal funcionario autonómico, recollida na Orde de nóminas do persoal ao servizo da Administración.
Nese senso apuntou que “a diferenza de soldo entre unha persoa funcionaria,cunha prestación de servizo de luns a venres de 8:00 as 15:00 horas, e unha persoa da sanidade, cunha prestación de servizos en quendas -mañá, tarde ou noite, incluídos domingos e feriados- é superior, de media, a máis de 200 euros mensuais”. Unha diferenza que “é doada de comprobar na orde de nóminas do persoal da Xunta”.
O secretario nacional da CIG-Saúde indicou que a finais de 2008 foi publicado o acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Sergas e que, de feito, froito dese acordo, o persoal percibiu o incremento correspondente aos anos 2008 e 2009. Porén, denunciou, “coa chegada do PP ao goberno foi suspendido”. A Xunta xustificou esa decisión “debido ás circunstancias económicas excepcionais”, pero non fixo intento algún por recuperalo malia anunciar que a crise económica estaba superada.
Orzamentos de 2023
Desde ese momento a CIG-Saúde reclamou que se abordara esta cuestión na mesa sectorial, nun intento de abrir un marco de negociación co Sergas que foi imposíbel por mor da negativa sistemática da Consellaría de Sanidade. Unha situación que obrigou á central sindical a levar este tema ao Parlamento pola vía da Proposición non de Lei de Iniciativa Popular.
A CIG-Saúde pretende que todos os grupos parlamentarios fagan súas estas demandas co obxectivo de que o Parlamento inste a Xunta a negociar na mesa sectorial do Sergas un calendario de rehabilitación dos acordos suspendidos e que se rehabiliten as retribucións do persoal.
Para garantir o equilibrio financeiro e facilitar un acordo, a central sindical propón tamén que a recuperación das retribucións se faga en máis dun exercicio parlamentario, previa negociación, no marco da mesa sectorial do Sergas. Unha negociación que entende que debería de se iniciar canto antes e rematar á maior brevidade posíbel, para que os orzamentos do ano 2023 recollan a primeira anualidade de rehabilitación dos dereitos suspendidos.
A central sindical solicita ademais do Parlamento que inste a que o acordo acadado na mesa sectorial sexa ratificado no primeiro Consello de Goberno que se celebre con posterioridade á sinatura do acordo de rehabilitación de dereitos suspendidos, para a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galiza.