A CIG-Saúde denuncia que o material cirúrxico do Álvaro Cunqueiro está a ser enviado a Povisa para a súa esterilización
Dende a CIG-Saúde consideran lamentábel que tendo unha central de esterilización pública no Álvaro Cunqueiro, acreditada e con profesionais competentes, “dende que se iniciou o traslado ao novo hospital nos vexamos con continuos problemas co material que ocasionan reiteradas suspensións de intervencións cirúrxicas”.
Segundo denuncian, a falta absoluta de previsión da Xerencia da EOXI de Vigo ocasionou que a central de esterilización antiga, que funcionaba, deixara de facelo antes de ter montada e en pleno funcionamento a nova.
Lembran que esta nova central ten que funcionar coas máximas garantías e os traballadores/as deben de estar preparados/as para o uso correcto das novas tecnoloxías implantadas.
“Coas dúas centrais funcionando a medias e con evidentes problemas para optimizar o funcionamento da nova os profesionais de esterilización son insuficientes para sacar o traballo adiante, o que fai que a metade do cadro de persoal se atope en situación de baixa laboral pola presión á que está sometido”, censuran.
Diante disto, demandan que un aspecto tan crítico e que condiciona a asistencia sanitaria da área sanitaria como é a esterilización sexa unha prioridade e que, no canto de contratar coa sanidade privada, se invista en persoal e medios que permitan a correcta posta en marcha da nova central de esterilización de acordo cos estándares e certificacións que garantan que as intervencións se fagan nas mellores condicións, “pois o que está en xogo é a saúde de todos/as”.
Manifestación no Meixoeiro
Por outra banda, o peche indefinido para rexeitar o desmantelamento do hospital do Meixoeiro cumpre este mércores a súa primeira semana. Os promotores/as, a xunta de persoal do Chuvi e a plataforma SOS Meixoeiro, veñen de anunciar a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro día 22.
A decisión de levara cabo esta nova mobilización -que se iniciará na porta principal do centro médico ás 20.00 horas- foi adoptada polos traballadores/as nunha concorrida asemblea celebrada onte. Ao remate da xuntanza tivo lugar unha concentración ás portas do edificio.