A CIG-Saúde denuncia o acordo entre o conselleiro de Sanidade e os Colexios Médicos saltándose a Mesa Sectorial

Nacional - 31 Mai 2024

Na reunión do Consello Técnico de Atención Primaria do 30 de maio, a CIG-Saúde denunciou a falta de respecto do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, cara ás organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial, e cara ao propio Consello Técnico, tras o anuncio nos medios de comunicación dun acordo cos Colexios Médicos sobre o XIDE.

Esta cuestión tiña que ser tratada na Mesa Sectorial "e a Consellaría tiña a oportunidade de facelo tanto na reunión de onte do Consello Técnico, como hoxe no marco da reunión da Mesa Sectorial", subliña o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira. Lembra ademais que a implantación do programa XIDE non é unha problemática cinxida aos e ás profesionais médicas, senón que afecta ao persoal das áreas de administración, que se ten queixado en numerosas ocasións -chegando incluso a mobilizarse- pola sobrecarga de traballo que lles provoca e a situación de inseguridade xurídica que lles xera.

Moreira sinala que o conselleiro de Sanidade "pode reunirse con quen estime oportuno", pero debe respectar os órganos de representación legalmente estabelecidos cando trate temas que afecten ás condicións laborais e que xa foran previamente tratados na mesa Sectorial e no Consello Técnico.

A CIG-Saúde defende a voluntariedade na colexiación, cando menos para as persoas que traballan na sanidade pública, pero "non podemos recoñecer os colexios profesionais como interlocutores que substitúan os órganos legais de representación".


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.