A CIG-Saúde denuncia descubertos reiterados de persoal médico nos PAC da área sanitaria viguesa
A CIG-Saúde denuncia que durante o último mes estase a producir unha situación “moi preocupante” nos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria de Vigo, con máis dunha ducia de “descubertos” de persoal médico en centros de Ponteareas, Cangas e Vigo.
Dende a central sindical sinalan que o que está a acontecer “é especialmente alarmante” ao tratarse de centros que deben de asegurar a atención urxente entre as 15:00 e as 8:00 horas en días laborábeis e de 8:00 a 8:00 durante as fins de semana e os festivos, polo que son considerados servizos esenciais. Ademais alertan de que en período estival “pode que esta situación se poida ver agravada”.
O que está a acontecer é especialmente alarmante ao tratarse de centros considerados servizos esenciais
Lembran que veñen advertindo desta problemática dende hai tempo e inciden en que “xa se vía vir” tendo en conta que non se están a cubrir a totalidade de prazas estruturais de varios centros da área. “Malia terlle solicitado á Xerencia da área sanitaria de Vigo a cobertura de todas as prazas dos plans funcionais dos PAC, esta non aceptou coa escusa de que hai que deixar horas para que o persoal FEAP de nova creación realice parte da xornada nestes centros”, critican.
Ao mesmo tempo lamentan que “o tempo veña a darnos a razón” e que se estea a producir un deterioro das condicións de traballo nos PAC, “quedando con menos persoal do que está establecido, o que nos fai lembrar a situación que se vive na área sanitaria de Pontevedra”.
Tamén consideran que se perdeu a oportunidade de ofertarlle estas prazas estruturais ao persoal que vén de rematar o MIR, “a pesar de que varias medicas especialistas en familia e comunitaria estaban interesadas en postos con estas características”.
Por todo isto, reiteran a denuncia efectuada varios meses atrás e solicitan unha rectificación por parte da Xerencia da área sanitaria de Vigo “a respecto do que pretende ser un cambio de modelo na atención primaria que está a provocar un deterioro nas condicións de traballo e da atención urxente á poboación”.