A CIG-Saúde denuncia a saturación no servizo de Urxencias do HULA
A CIG-Saúde de Lugo alerta da situación "calamitosa" que se está a vivir este días no servizo de Urxencias do Hospital Lucus Augusti, coas persoas doentes amoreadas nos corredores e nas sala, á espera de seren ingresadas. A primeira hora deste martes, denuncian, había 19 doentes "que deberían estar ingresadas/os nas súas habitacións, mais están en padiolas nos corredores".
Nestas circunstancias, o persoal de Urxencias atende a estas persoas como mellor pode, xa teñen que enfrontar unha elevada carga de traballo e realizar a atención nun espazo non adecuado "xa que non é unha planta, senón un servizo de atención urxente que non dispón do que precisa unha persoa doente ingresada".
A CIG-Saúde exíxelle á dirección que abra as plantas pechadas e busque as solucións necesarias para garantir a calidade na atención ás persoas usuarias.
Logopedia e Terapia Ocupacional 100% pública para A Mariña
Pola súa banda, a CIG-Saúde da Mariña volve demandar un servizo de Logopedia e Terapia Ocupacional 100% pública para a comarca, tal e como teñen noutros hospitais do sistema público galego. Lembran que a prestación sanitaria da Logopedia está contratada cunha clínica privada de Burela "con importantes listas de agarda”, e que “sen a correcta atención, moitos nenos e nenas non chegan a desenvolver o seu potencial ao máximo, problema que tamén afecta á poboación adulta após sufrir diversas patoloxías como ICTUS ou ACVs”.
Fronte a isto, demandan que Logopedia sexa incluída na carteira de servizos e prestacións do Hospital da Mariña, que sexa cen por cen pública e que se dote dos recursos humanos, con cando menos dúas Logopedas, e recursos materiais.
Xunto a isto, CIG-Saúde da Mariña reivindica tamén os mesmos dereitos sanitarios para os mariñaos e as mariñás "cun reparto xusto e equitativo dos recursos económicos, humanos e materiais que contemple a prestación de Terapia Ocupacional, dotando ao Hospital da Mariña de 2 especialistas, como mínimo".
Esta carencia, subliñan, obriga aos usuarios e usuarias a pagar se dispoñen de recursos económicos a atención na sanidade privada. "Levamos esixindo á dirección do Hospital da Mariña e tamén á Dirección da Área Sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, a súa inclusión na carteira de servizos, obtendo sempre unha resposta negativa e incluso burlesca sobre a importancia destas profesionais na sanidade pública da Mariña”.
O sindicato nacionalista reclama máis unha vez a posta en marcha dun Plan urxente e integral para abordar a creación destes servizos e evitar ter que acudir á sanidade privada.