A CIG-Saúde denuncia a saturación asistencial nos centros de saúde da Guarda e O Rosal
A CIG-Saúde da comarca de Vigo vén de denunciar a saturación asistencial que xa se está a producir co inicio do período estival no Centro de Saúde da Guarda, onde algúns dos cupos médicos xa teñen máis dunha semana de agarda para unha cita ordinaria e proto de dúas nalgún cupo do Rosal. Unha saturación que a CIG-Saúde atribúe ao aumento exponencial da poboación, por mor do turismo, e á falta de cobertura de vacacións e baixas.
A esta situación súmaselle, a situación do PAC, que xa teñen denunciado as propias traballadoras, que conta cun só equipo asistencial médica-enfermeira para as urxencias que se xeran na Guarda, O Rosal e Oia.
O incremento de traballo neste servizo no verán é importante debido ao aumento de poboación e comezase a notar o incremento de traballo derivado tamén destas listas de espera en atención primaria. “A situación é grave, máis cando é frecuente a ausencia do único equipo sanitario da zona por mais de dúas horas en caso de ter que atender a algún paciente durante o traslado en ambulancia até o hospital de referencia”, explican.
Xuto a isto denuncian que o aumento de necesidades derivado do aumento de poboación non se ve reforzado e mesmo se conta con moitos menos efectivos. “É evidente que dar a mesma calidade asistencial con menos efectivos non é posíbel”, denuncian.
Adopción de medidas urxentes
Diante desta situación a CIG-Saúde demanda do SERGAS a adopción de medidas urxentes “con respecto as políticas de persoal con convocatorias de OPE que cubran o 100% das xubilacións xeradas nos últimos anos e con incrementos reais dos cadros de persoal para rematar coa precariedade do persoal”.
Lembra que esta situación estase a dar con dous conflitos abertos nestes momentos entre o SERGAS e Atención Primaria e cunha Folga nos PACS que xa supera os 6 meses e sen unha vontade de resolución por parte da Administración.
Por iso considera necesario “escoitar ás traballadoras e deixar de facer políticas que dan as costas as necesidades de saúde das nosas doentes e que se dean respostas as demandas das traballadoras que son as que coñecen realmente as necesidades no seu traballo diario”.