A CIG-Saúde denuncia a privatización do servizo de mantemento do hospital pontevedrés Montecelo
A CIG-Saúde denuncia que a Consellería de Sanidade, coa complicidade da Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e do Salnés, pretende privatizar o servizo de mantemento do hospital Montecelo. A estratexia utilizada é cederllo a unha empresa aproveitando o proceso de contratación da reforma e ampliación do centro sanitario.
Segundo explican dende a central, a estratexia da Consellería e da Xerencia pasa por adxudicar o servizo de mantemento en contrato a unha empresa privada, tal e como se recolle no prego de cláusulas administrativas para a contratación da reforma e ampliación do hospital Gran Montecelo.
No prego de cláusulas administrativas consta que o licitador incluirá un plan de mantemento do edificio dende o remate das obras até o remate do prazo de garantía, que é de tres anos, e no que se incluirán os medios humanos e materiais.
Ao mesmo tempo, salientan que non existe partida orzamentaria para o servizo de mantemento, “co que é de supoñer que a empresa terá que facer fronte a este custe rebaixando a calidade dos materiais da obra”. Este servizo conta na actualidade cuns 50 traballadores/as, “e a Consellería e a Xerencia prefiren privatizalo, incluso encarecendo o custe do servizo, que seguir contratando persoal propio”.
Finalmente, dende a CIG-Saúde amosan o seu temor a que o futuro do Gran Montecelo pase pola privatización de máis servizos que na actualidade son públicos, como a cociña, a lavandería e incluso o aparcamento.