A CIG-Saúde denuncia a improvisación e a falta de negociación da Xunta coa nova unidade central anunciada para Atención Primaria

Esta medida non pasou pola Mesa Sectorial, único órgano legalmente estabelecido para a negociación das condicións laborais do persoal do SERGAS
Nacional - 06 Mai 2026

A CIG-Saúde denuncia a absoluta falta de transparencia e de negociación por parte da Xunta de Galiza tras o anuncio realizado polo presidente Alfonso Rueda sobre a creación dunha “unidade central de apoio á Atención Primaria”, presentada como unha medida para afrontar a situación crítica que atravesa este nivel asistencial.

A organización sindical lembra que a Atención Primaria leva anos sufrindo unha situación límite, marcada pola falta de persoal, a sobrecarga asistencial, as dificultades para cubrir ausencias e o deterioro continuo das condicións laborais das e dos profesionais. Unha realidade que a CIG-Saúde vén denunciando reiteradamente e fronte á que o Goberno galego continúa respondendo con anuncios improvisados e medidas decididas unilateralmente.

Neste caso, a creación desta nova unidade non pasou en ningún momento pola Mesa Sectorial de Sanidade, único órgano legalmente estabelecido para a negociación das condicións laborais do persoal do SERGAS. A pesar diso, o presidente da Xunta chega incluso a afirmar que esta medida foi “negociada cos que queren negociar”, nun “intento inaceptábel de desacreditar as organizacións sindicais que levamos anos defendendo a Atención Primaria pública e denunciando a deriva da Consellaría”.

Non hai información oficial

A secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, aclara que a día de hoxe non existe ningunha información oficial sobre esta unidade. “Non se sabe que categorías profesionais a van integrar, que funcións vai asumir, cal será o sistema de provisión das prazas, que condicións laborais terá o persoal nin que impacto vai provocar na organización da Atención Primaria”. Tampouco se explicou onde vai estar situada nin como se vai coordinar co funcionamento ordinario dos centros de saúde.

Para a CIG-Saúde resulta “extremadamente grave” que a Xunta pretenda seguir aplicando cambios estruturais na sanidade pública galega de costas ás traballadoras e traballadores, sen diálogo real, sen negociación colectiva e sen ofrecer garantías nin transparencia. “A situación crítica da Atención Primaria non se resolve a golpe de titulares nin con novas estruturas creadas desde os despachos de San Caetano sen contar coas e cos profesionais que sosteñen diariamente o sistema sanitario público”, asevera Lestón.

A CIG-Saúde esixe respecto polos órganos legais de negociación e reclama que calquera medida que afecte ao persoal e á organización da Atención Primaria sexa debatida na Mesa Sectorial, “con toda a información enriba da mesa e coa participación real das organizacións sindicais”.

E lembra que “son as traballadoras e traballadores as que deciden que organizacións sindicais están presentes na Mesa Sectorial, non o presidente da Xunta”.