
A CIG-Saúde denuncia a discriminación da lingua galega nos procesos selectivos do SERGAS

A CIG-Saúde denuncia a situación de discriminación e desprezo que sofre a lingua galega nos procesos selectivos do SERGAS. Afirma que as versións en galego das probas das OPEs adoitan non se corresponder coas versións en castelán, presentando numerosos erros de tradución e uso de castelanismos. “Isto provoca que moitas preguntas ou respostas resulten incomprensibles para as persoas aspirantes que escollen a nosa lingua para realizar os exames”, denuncia.
Esta situación non só vulnera os dereitos lingüísticos das persoas aspirantes, senón que incumpre o deber da Xunta de Galicia de garantir e potenciar o uso da lingua galega, especialmente nas institucións públicas. “Coa súa actuación, o SERGAS está a forzar as persoas opositoras a renunciar ao galego e escoller a versión castelá como única opción para garantir un exame con redacción e terminoloxía adecuadas”, sinala o secretario nacional, Manuel G. Moreira.
Sinalamento das persoas opositoras
Ademais, a CIG-Saúde denuncia o acontecido nos últimos exames de OPE onde as persoas que solicitaron facer a proba en galego foron sinaladas especificamente nas mesas, vulnerando a súa confidencialidade e marcándoas dentro do colectivo de persoas opositoras. “Consideramos este feito totalmente inaceptable e un novo ataque á normalización do noso idioma”, di Moreira.
A CIG-Saúde exixe ao SERGAS que tome medidas inmediatas para garantir que as versións en galego dos exames sexan correctas, equivalentes en contido e calidade ás redactadas en castelán, e que dote aos tribunais dos medios necesarios para facer unha tradución profesional e respectuosa coa lingua. Así mesmo, demanda que se acepten todas as impugnacións xustificadas por erros de tradución.
“O galego non pode ser tratado como unha lingua de segunda categoría. Exiximos respecto pola nosa fala e un compromiso real coa súa defensa e promoción. O galego é a nosa lingua, e non imos permitir que se continúe vulnerando o seu uso e os dereitos das persoas galegofalantes”, conclúen.