A CIG-Saúde denuncia a cesión de material sanitario do hospital Montecelo ao centro privado Quirón
A CIG-Saúde de Pontevedra vén de denunciar publicamente a cesión de material sanitario do hospital público Montecelo ao centro privado Quirón, tal e como puido comprobar o persoal encargado de preparar o instrumental para as operacións. Dende a central pregúntanse se existe algún tipo de acordo entre o Sergas e a empresa e se este tipo de prácticas están a provocar atraso ou mesmo suspensión de intervencións no sistema público.
Dende a federación de Saúde da CIG de Pontevedra lembran que durante a pandemia do novo coronavirus o Sergas chegou a un acordo con Quirón para cederlle material co argumento de que se puidese seguir realizando operacións no centro privado. Mais unha vez rematado o estado de alarma a dirección do hospital Montecelo anunciou que deixaran de ceder este material.
Se existe un acordo e se oculta sería grave, pero se se cede material sen acordo sería aínda máis grave
“Pero o mércores pasado o persoal encargado de preparar o material para as operacións en Montecelo descubriu que faltaban algunhas cousas, e tras as pertinentes comprobacións constataron que dous días antes foran cedidas ao Quirón”, sinalan.
Diante disto, pregúntanse en virtude de que acordo se leva a cabo esta cesión de material. “Se existe un acordo e se oculta sería grave, pero se se está a ceder material sen que exista un acordo sería máis grave aínda”. A central trasladaralle estas e outras cuestións á dirección do centro durante a xuntanza coa xunta de persoal que terá lugar a semana que vén.
“Porque tamén queremos saber se este tipo de prácticas están a provocar atrasos ou mesmo suspensións de operacións na sanidade pública, xa que se trata de material que se ía usar para unha intervención e que non se atopaba no seu lugar; tampouco temos coñecemento de se se está a facer o mesmo con outro material”.
Finalmente, consideran que se trata dunha utilización fraudulenta de fondos da sanidade pública para beneficiar a un hospital privado. “Esixiremos que se depuren responsabilidades por este tipo de prácticas irregulares”, rematan.