A CIG-Saúde denuncia a caótica situación da Atención Primaria na zona sur de Lugo
A CIG-Saúde de Monforte vén de denunciar un aínda maior deterioro da situación da Atención Primaria na Zona Sur de Lugo. Asegura que a Xerencia de Lugo, A Mariña e Monforte segue sen cubrir as ausencias das e dos profesionais sanitarios na Atención Primaria que collen os permisos provocando sobrecarga de traballo nas compañeiras e compañeiros que quedan. Mais considera que é especialmente grave o que acontece no Centro de Saúde de Monforte e Pantón.
Explica que o pasado venres, día 5 de agosto, no Centro de Saúde de Monforte había 5 médicos/as e un de reforzo de mañáns dos 12 facultativos/as que ten esta Unidade de Atención Primaria. Dous destes médicos,están xubilados dende hai tempo e non os cubriron.
As médicas de tarde xa non pasan consulta nesta quenda e foron pasadas para a mañás para aliviar a situación de presión asistencial que había. Polas tardes hai dous e ás veces tres médicos/as que fan prolongacións de xornada dos facultativos/as ausentes.
O Centro de Saúde de Monforte ten asignado un cupo duns 16.000 pacientes maiores de 14 anos e uns 3.000 cativos/as de 0 a 14 anos mais calcula que nestas datas haberá máis de 30.000 persoas na cidade de Lemos.
Os médicos/as do Centro teñen unha media de 70 pacientes diarios e os días que teñen prolongación de xornada poden superar os 100, algo que cualifican de “inasumible se se quere dar unha atención sanitaria de calidade”.
Reasinación de doentes
Os cupos de pacientes de Monforte son moi elevados e mediados de xullo a Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte ocorréuselle a idea de reasignar doentes de oficio e poñelos con outros médicos/as que teñen menos usuarios/as.
A Instrución do SERGAS 05/2015 que regula o exercicio do dereito á libre elección de médico/a dos pacientes establece:
“As persoas usuarias poden efectuar a súa elección de médico/a de familia nas condicións descritas no decreto 55/2015 sen necesidade xustificación (sempre e cando o cupo esté aberto) e coa única condición de que transcorresen un mínimo de 6 meses dende a última elección e asignación de profesional.
Cando por razóns organizativas sexa preciso levar a cabo reordenacións asistenciais, a Xerencia deberá notificalo ás persoas usuarias cun mes de antelación, como mínimo. De non existir desconformidade por parte dos usuarios/as, a Área Sanitaria procederán á asignación do novo persoal.
O problema é que a Xerencia non notificou a ningún doente do cambio de médico/a de oficio co conseguinte enfado cando o souberon, xa que non poden cambiar de médico/a até dentro de seis meses, vulnerando deste xeito o seu dereito á libre elección de médico/a.
De feito, o pasado venres, se un paciente quería coller cita co seu médico/a había unha lista de espera de mínimo dunha semana e máximo de dúas. Diante desta situación as e os doentes o que están facendo é solicitar unha cita urxente no Servizo Administrativo ou marchan para Urxencias do Hospital ou ao PAC de Monforte, coa sobrecarga de traballo que iso supón para estes Servizos que xa están desbordados pola gran poboación que está a soportar o Distrito de Monforte.
Pediatría baixo mínimos
O Servizo de Pediatría ten tres profesionais pero nestas datas só hai un para atender aos nenos/as e por veces ningún pediatra. “Os cativos/as son derivados/as aos seus médicos/as de familia de referencia en Monforte e se son de Sober ou Pantón aos seus médicos/as de cabeceira”, explican.
O centro de Saúde de Pantón tampouco se libra. Hai dous médicos/as para atender a máis de 2.200 pacientes, máis todos/as os/as desprazados/as que hai nestas datas.
Na segunda quincena de xullo e na primeira quincena de agosto mandaron substituto polos facultativos ausentes pero na semana do 16 ao 19 de agosto vai quedar un médico só no Centro. Destacar a gran poboación que hai neste municipio nestes días. Esa fin de semana son as Festas Patronais de Ferreira e o Festival dos Trece Reis. Seguramente na localidade pode haber máis de 4.000 habitantes.
Cando CIG-Saúde denunciou o que está acontecendo na Atención Primaria na Zona Sur de Lugo, a Xerencia de Lugo, A Mariña e Monforte alega que non poden cubrir as ausencias dos profesionais por non haber persoal dispoñible nas listas de contratacións.
“O que non contan é que en reunión co Comité de Atención Primaria do día 16 de xuño dixeron que ofreceron contratos de 6 meses aos médicos/as de familia das listas de substitucións”, nin que “ultimamente marcharon 4 facultativos/as para outras Xerencias ou Servizos porque lles ofreceron mellores contratos, ou buscaron outras alternativas de emprego”.