A CIG-Saúde demanda ao SERGAS medidas de prevención de riscos na sanidade pública galega
Delegados e delegadas da CIG-Saúde concentráronse esta mañá diante do edificio do SERGAS, en San Lázaro, para demandar a posta en marcha de medidas preventivas para evitar riscos na saúde das e dos profesionais da sanidade pública galega, ademais do cumprimento da legalidade vixente en materia de Igualdade.
Con esta mobilización, previa ao Día da Seguridade e Saúde no Traballo, que terá lugar o domingo, día 28, a CIG-Saúde quería denunciar a paralización dos protocolos de riscos laborais. Unha mobilización que, segundo explicou Xabier Alvedro, delegado de prevención, conseguiu un dos seus obxectivos antes de celebrala porque grazas á convocatoria o SERGAS convocou tanto o Comité de Seguridade, como o Comité de Igualdade, para o vindeiro día 3 de maio, un ás 9:00 horas e o seguinte ás 11:00.
Con todo, e dados os temas a tratar, Alvedro indicou que lle transmitiron ao SERGAS que había pouco tempo entre unha reunión e outra. “Fixeron caso omiso e en hora e media non imos ser capaces de dilucidar a orde do día”.
A CIG-Saúde tamén exixira o nomeamento dunha persoa responsable do Departamento Central de Riscos Laborais. E tamén respecto desta cuestión o SERGAS comunicou, esta mesma semana, que hai unha nova Xefa de prevención, desde o día 1 de marzo de 2024. “Non sabemos cal foi o motivo polo que non nos comunicaron nada en tempo e forma”.
Denuncia en Inspección por falta de EPIs
Alvedro denunciou que as reunións nas que se estaban tratando temas tan relevantes como a dotación de EPIs ao persoal, quedaron paralizadas en decembro. Explicou que para facer atención domiciliaria ou na vía pública a uniformidade consta de parca, pantalóns e botas de traballo, mais que “como moito os traballadores só teñen unha parca de traballo”.
Lembrou que está avaliada polos informes dos Técnicos de Prevención de Riscos e anunciou que hoxe mesmo xuntaríase o modelo de denuncia para presentar en Inspección de Traballo arredor dunhas 30 sinaturas recollidas entre o persoal que fixo a solicitude de equipación completa e que non foi respondida pola Xerencia do CHUS. Unha situación que se repite no resto das Áreas.
Xunto a isto a CIG-Saúde denunciou que non hai unha vixilancia da saúde nos postos de traballo específica e adaptada ás casuísticas que hai. “Temos laboratorios especialmente sensibles, como o de anatomía patolóxica, quirófanos ou laboratorios centrais nos que se usan cabinas de citostáticos onde empregan produtos altamente canceríxenos e o persoal non ten unha revisión específica da súa saúde ao longo do ano”.
Explicou que, na maior parte dos casos, cando se logra esa vixilancia da saúde, esta limítase a “un procedemento básico de electro e analítica, que é como facer un 30% da revisión que habería que facer”. Por iso demandou que sexa máis específica e atendendo aos produtos cos que están traballando.
Sen Plans de Igualdade na Sanidade Privada
Pola súa banda Irene Tato, tamén delegada de prevención, debullou a situación no relativo á Igualdade. Respecto da sanidade privada informou de que se están presentando denuncias masivas nas Inspeccións de Traballo para que as empresas convoquen as mesas de negociación para elaborar os plans de igualdade e que entreguen o rexistro retributivo para “detectar as fendas salariais e poder tomar medidas ao respecto”. Neste sentido sinalou que xa hai varios hospitais sancionados por estas cuestións.
Respecto do SERGAS, apuntou que o Plan de Igualdade remata a súa vixencia este ano e que, a día de hoxe, tampouco proporcionou un informe do seguimento da implantación das medidas e a avaliación dos obxectivos contemplados.
Xunto a isto apuntou que a CIG-Saúde leva desde o ano pasado intentando presentar alegacións ao Protocolo de Acoso. Explicou que había un procedemento que xa englobaba toda a tipoloxía de acosos dentro do SERGAS, pero “o que vén de facer, a través do Plan de Igualdade, é separa as tipoloxías e facer un procedemento exclusivo de acoso sexual”. Lembrou que “isto vai contra a última normativa vixente que di que todas as tipoloxías teñen que ir dentro dun mesmo documento”.
Nese sentido indicou que a máis recente normativa tamén obriga ás empresas a contar con procedementos e medidas preventivas ante os acosos LGTBI. Denunciou que, porén, “nada disto se está levando a cabo e hai un incumprimento da normativa”.
Protección da maternidade
Canda isto apuntou que malia ter as instrucións acordadas en mesa sectorial, no relativo ao goce das seis semanas que ofrece o SERGAS por maternidade, “este acordo non chegou a publicarse dunha maneira formal”. E sinalou que hai, ademais, incidencias que afectan ao persoal contratado, porque “non se lle están ofertando contratos cun salario e cunha alta na SS, senón que se están a facer contratos administrativos, nalgún caso, mesmo están en fraude de lei”.
Tato denunciou tamén atrasos nas adaptacións do posto de traballo a mulleres embarazadas, que acaban por coller baixas por IT “ante a pasividade da Xerencia”. Entende que “o normal sería que os postos estiveran definidos coas súas funcións e tarefas” para poder axilizar a adaptación.