A CIG-Saúde demanda a creación da subdirección xeral de enfermería
A CIG-Saúde compareceu esta mañá en rolda de prensa para demandar da consellaría de Sanidade a creación da subdirección xeral de enfermería. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, denunciou que “a participación de enfermería na xestión da sanidade pública, como profesionais altamente cualificadas/os, está a ser invisibilizada pola consellaría de Sanidade e as competencias sobre a xestión están a ser desenvolvidas por outros/as profesionais”.
Desde que Galiza, nos anos 80 do pasado século, asumiu as competencias en materia de Sanidade o SERGAS mantén as mesmas estruturas directivas. En concreto, na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, só hai médicos e médicas como responsábeis de todos os servizos e subdireccións xerais.
Abuín explica que entre as competencias desta Dirección Xeral están a definición de programas e obxectivos asistenciais, a coordinación, control e avaliación de actividades asistenciais. Funcións que son “todas realizadas unicamente por persoal facultativo”.
Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, “se un dos aspectos máis importantes da actividade sanitaria é a planificación dos procesos asistenciais e a elaboración de protocolos como ferramentas para medir a calidade dos servizos e na atención ás/aos doentes, e quen realiza estas funcións é persoal de enfermería, logo para desenvolver isto deberían participar activamente as e os profesionais que desenvolven estes labores para darlle a perspectiva da enfermería e non ser médicos e médicas as e os interlocutores e responsábeis destes procesos”.
Isto provoca, segundo Abuín, que en toda a consellaría de Sanidade non haxa unha enfermeira ou enfermeiro como interlocutor para abordar os temas que afectan a enfermería como carteira de servizos, prescrición enfermeira, mapa de competencias ou cadro de persoal. “Isto está a derivar en situacións graves, como no caso das matronas que desde o ano 1993 están pendentes de que se desenvolva o réxime xurídico das súas prazas”, indica.
Mapa de 1989
Ademais, isto ocasiona que se sigan a rexer, no ámbito territorial, por un mapa elaborado no ano 1989 o que provoca que, na actualidade, unha matrona teña que atender concellos que distan entre si 80 quilómetros.
O mesmo ocorre co Ministerio de Educación que, segundo Abuín, non recoñeceu os servizos prestados en PAC como mérito para acceder á proba extraordinaria de enfermeira especialista en Familia e Comunitaria. “Solicitou da consellaría de Sanidade que acreditara se a atención en PAC era Atención Primaria e como non hai ningún servizo de enfermería creado non houbo quen acreditara co correspondente prexuízo para as e os profesionais”.
Para a CIG-Saúde non pode seguir acontecendo que cando se tratan temas relevantes tanto asistenciais, como laborais ou de formación das enfermeiras e enfermeiros no ámbito da mesa sectorial, non acuda ás reunións ninguén en representación da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e se recorra é un médico ou médica.
Xunto a isto denuncia que, como non hai quen defenda os intereses deste colectivo profesional, o que segue a acontecer é que en Galiza das 440 prazas acreditadas para formación especializada só 53 foron para enfermeiras e enfermeiros, o que supón o 13% do total das prazas e que non fora ofertada ningunha praza de enfermeira especialista en traballo ou en xeriatría.