A CIG-Saúde de Vigo tacha de 'propaganda' o anuncio de estabilidade dos profesionais de medicina de familia
A CIG-Saúde de Vigo tacha de “propaganda” o anuncio da Xerencia da área sanitaria a respecto da suposta “estabilidade” dos profesionais de medicina de familia. Dende a central sindical denuncian que se está a obviar información como que non se conseguiron cubrir todas as vacantes ofertadas na área sanitaria na categoría de Médico/a Especialista de Medicina de Familia e Comunitaria.
Segundo sinalan, esta contratación trátase da oferta de vínculos de longa duración, “mais o obxectivo de reducir a taxa de eventualidade da zona pasa por ofertar un número de prazas na OPE equivalente ás xubilacións que se produciron nos últimos anos”.
Por iso consideran preocupante que non se conseguisen cubrir todas as vacantes ofertadas, “xa que evidencia que o problema de persoal non vai vinculado ao período de vacacións senón que transcende este”. Para a CIG-Saúde de Vigo a proba está en que hai centros nos que existen baixas prolongadas no tempo ou vínculos de longa duración que levan meses sen ser cubertos e sen que os seus cupos teñan continuidade.
Polo tanto, “sendo conscientes de que hai que apostar polas coberturas estruturais cos vínculos de longa duración”, entenden que non se pode ver coma un éxito unha situación que evidencia os graves problemas de persoal médico na atención primaria que padece a área de Vigo.
Manifestación en defensa da atención primaria
“Seguimos a ter consecuencias destes problemas por falta de persoal como é a situación do centro de saúde da Guarda, que volve estar ao 50% do seu cadro de persoal, o que obrigará a ter que asumir a vindeira semana unicamente as urxencias”. Unha situación similar estase a vivir tamén en Ponteareas, onde se están a dar citas para xa ben entrado o mes de outubro.
Por iso dende a CIG-Saúde chaman a participar na manifestación en defensa da atención primaria convocada pola Xunta de Persoal, da que a central sindical fai parte, o próximo xoves 30 de setembro ás 20:00 horas desde o PAC de Vigo.