A CIG-Saúde de Vigo rexeita o peche de camas no verán nos hospitais Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro
A federación de Saúde sae deste xeito ao paso dos comentarios realizados ao persoal das plantas que se poderían ver afectadas, “polo que parece que un ano máis a Xerencia da EOXI de Vigo vai ser insensíbel ás necesidades de acurtar as listas de espera e pensa pechar máis camas durante este verán”.
Denuncian que este peche de camas sumaríase ao que xa está a ocorrer a día de hoxe no Meixoeiro, onde permanecen pechadas 105 camas, 30 máis durante as fins de semana. “Non entendemos que se prescinda de recursos que poderían ser utilizados para recortar as intolerábeis listas de espera cirúrxicas que padecemos na nosa área sanitaria”.
Consideran que detrás desta decisión podería agocharse o interese do Sergas en utilizar o persoal das plantas que pechan para cubrir os postos de traballo do que está de vacacións nese período, “aforrando contratacións á conta de manter ou incrementar as listas de espera”.
Ao mesmo tempo, salientan que no Meixoeiro permanecen pechadas 60 camas na planta terceira e 30 camas na sexta [tal e como se pode observar no cadro que acompaña esta información]. Ademais, para non contratar máis persoal, na planta ala 1 da quinta planta non se superan os 15 pacientes. “E todo isto está a ocorrer mentres se están a derivar pacientes á sanidade privada”, lembran.
Diante disto, dende a CIG-Saúde esixen que non se pechen máis camas no verán, que se abran as que están fóra de servizo no Meixoeiro e que se dote a este hospital de servizos que lle permitan incrementar a súa capacidade asistencial atendendo a pacientes de maior complexidade, como unha unidade de coidados de pacientes críticos.