A CIG-Saúde de Vigo reclámalle ao Sergas que cubra con prazas estruturais as vacantes existentes nos PAC
A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de reclamarlle ao Sergas a total cobertura con prazas estruturais das vacantes existentes na actualidade nos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria. Na central sindical teñen detectadas cando menos cinco vacantes de persoal médico sen ofertar con contratos de longa duración, polo que solicitan tamén que estas prazas sexan ofertadas posteriormente en concurso de traslados.
As localidades afectadas por esta problemática son Cangas, Redondela, Val Miñor, Ponteareas e A Cañiza. “Os plans funcionais de cada centro contemplan as prazas necesarias para o seu normal desenvolvemento”, lembran.
Ao tempos que sinalan que no caso do traballo dos Puntos de Atención Continuada é especialmente importante a cobertura das vacantes, dado que son centros que se encargan da atención urxente da poboación en horarios de peche dos centros de saúde, e polo tanto considerados servizos mínimos.
Ademais, na actualmente o persoal dos PAC ten dificultades para poder gozar de días libres e permisos, “que se denegan reiteradamente ou se condiciona a súa cobertura a que sexa asumida por persoal do mesmo centro”. Polo que entenden que a falta de cobertura destes servizos podería empeorar as condicións laborais do persoal.
Problemas crónicos
“Existe o temor a que esta situación acabe como en áreas sanitarias próximas, con problemas crónicos de descubertos, que en maior ou menor medida xa se teñen dado na nosa área”, advirten dende a CIG-Saúde de Vigo.
Por iso dende a central sindical defenden a necesidade de tomar medidas “dende o inicio e dende a raíz” para asegurar o bo funcionamento dos PAC e garantir a asistencia por un equipo completo de persoal médico e de enfermaría. “De nada vale parchear posteriormente empeorando as condicións laborais do persoal”, rematan.