A CIG-Saúde de Vigo denuncia que o peche de camas hospitalarias está a aumentar as esperas para ingresos
A federación de Saúde da CIG de Vigo denuncia a problemática que se vive un ano máis na área sanitaria como consecuencia do xa tradicional peche de unidades e redución de camas noutras durante o período estival por parte do Sergas. Isto está a provocar que unha media diaria de 20-25 pacientes ten que agardar dun día para outro en urxencias á espera de que se produzan altas, con conseguinte trastorno para os doentes e os seus familiares, mais tamén para o propio persoal.
Dende a central sindical sinalan que malia a sensación de normalidade que se pretende transmitir desde a Consellaría de Sanidade o peche de camas está a supoñer un atraso no ingreso nas plantas, “sobrecargando o servizo de urxencias e tendo que improvisar solucións como o desdobramento de camas ou habilitación de cuartos destinadas para outros fin, precisamente xusto cando menos persoal hai nas plantas e nos servizos”.
Neste senso, lamentan que a continua reestruturación e mobilización de persoal (tanto fixo como eventual) polas diferentes unidades/hospitais está a xerar no cadro de persoal “gran incerteza e inseguridade”.
Ademais, é máis frecuente que os doentes estean asignados a unidades non vinculadas coas súas patoloxías. “Todo isto dificulta a asistencia, polo que as profesionais demandan poder realizar o seu traballo asegurando a calidade asistencial aos doentes”.
Por iso a CIG-Saúde de Vigo advirte que esta situación está a provocar unha nova sobrecarga de traballo “tanto física como mental no persoal dos hospitais, evidenciándose unha vez máis a falta de solucións por parte da Xerencia, a arbitrariedade no criterio de peche de camas e a falta de información á representación das traballadoras/es a respecto das reestruturacións, que coñecemos unicamente de man do persoal afectado”.