A CIG-Saúde de Vigo acusa a Povisa de converter o diagnóstico da covid «nun mercadillo»
A federación de Saúde da CIG de Vigo denuncia que Ribera Salud, o grupo empresarial propietario do hospital Povisa, quere facer negocio coa crise sanitaria ao converter o diagnóstico da covid-19 “nun mercadillo”. Para iso instalou un posto de detección na vía pública no que realiza probas de detección da enfermidade polas que cobra.
Dende a CIG-Saúde sinalan que non lles sorprende que un fondo de investimentos intente tirar os maiores réditos económicos para os seus accionistas, “pero si que nos parece descarado que o faga a conta de ofertar probas diagnósticas de xeito indiscriminado, utilizando espazos públicos e cobrando por facelo”.
Lembran que Povisa, agora en mans de Ribera Salud, ten a obriga de prestar asistencia sanitaria a unha parte importante da cidadanía da área sanitaria de Vigo a cambio dunha importante retribución económica con cartos públicos. “Se considera que é preciso realizar un cribado masivo ou selectivo da poboación que atende tería que facelo sen custe para esa poboación”. Polo que inciden en que tratar de converter unha pandemia sanitaria e social nun negocio para uns poucos “contará sempre coa oposición da CIG-Saúde”.
De feito, dende a federación sempre se opuxeron á mercantilización da sanidade, á súa privatización e á súa venda a fondos voitre que, como estamos a ver, “non teñen escrúpulos” para facer negocio coa saúde. “A preocupación pola saúde da poboación que din ter coa posta en marcha deste novo negocio non a demostran ao non respectar as condicións de seguridade e saúde das súas propias traballadoras, ás que en pleno pico de contaxios obrigan a usar máscaras FFP2 durante varias quendas de traballo”.
Por todo isto, dende a CIG-Saúde esixen da Consellería de Sanidade e do Concello de Vigo que poñan límites a este “negocio perverso” e que impidan que a área sanitaria de Vigo sexa, de novo, “espazo para experimentos privatizadores que mercantilizan a nosa saúde”.