A CIG-Saúde de Pontevedra exixe a convocatoria de todas as prazas de Medicina de Familia vacantes en atención primaria
A CIG-Saúde de Pontevedra exíxelle á Xerencia da Área Sanitaria que se convoquen, de xeito inmediato, todas as prazas de Medicina de Familia vacantes en Atención Primaria, tanto nos PAC como nos centros de saúde. Dende a central sindical denuncian que a Xerencia vén de confirmar que ofertará unicamente as interinidades de persoal médico dos PAC, cando na última xuntanza quedara en facelo con todas.
Dende a CIG-Saúde inciden en que as dificultades para cubrir prazas de Medicina de Familia nos PAC “non poden ser utilizadas como coartada para pechar PAC ou desmantelar o actual modelo de atención primaria, con PAC e centros de saúde próximos á cidadanía, nin tampouco se pode coartar a liberdade dos profesionais de elixir as prazas que mellor se axeiten á súa situación”.
Non se pode consentir que as vacantes queden sen convocar e a poboación sen atender
Neste senso, explican que o xoves pola tarde a directora de atención primaria confirmou que ían ofertar só as interinidades de persoal médico de PAC, “cando na última xuntanza que tivemos quedamos en que se ofertarían toda xuntas: 11 de médicos de familia, 15 de PAC e 3 de facultativo/a especialista en atención primaria”.
Pero agora, coa escusa de que hai moito “estrés” nos PAC queren ofertar primeiro esas prazas para forzar a cubrilas, “pero non teñen tantos demandantes, e os facultativos/as que non as queiran non as van a pedir porque saben que faltan por saír as de centros de saúde; e non van poder sancionar porque non teñen persoal médico suficiente”. Ademais, córrese o risco de que outras áreas sanitarias convoquen esas prazas “e na nosa perdamos facultativos/as”.
Convocar prazas aliviaría os PAC
Dende a central sindical rexeitan tamén o argumento da Xerencia de que deste xeito poderán atraer a profesionais de fóra, “algo que vemos difícil, xa que atraerían máis ofertando todas as vacantes”. Por non falar de que cubrindo con médicos/as de familia os centros de saúde aliviarían os PAC.
Por todo isto, para a CIG-Saúde de Pontevedra non hai razón para ofertar as prazas por partes, salvo que sexa estratexia calculada para convencer á poboación de que o persoal médico non quere traballar nos PAC e que por iso teñen que reagrupalo, deixando só os profesionais máis próximos ás grandes localidades, e quedando as pequenas sen atender. “Non se pode consentir que as vacantes queden sen convocar e a poboación sen atender”, rematan.