Denuncian o escurantismo que rodea a venda de varios centros sanitarios privados ao grupo Recoletas
A federación de Saúde da CIG de Ourense denuncia o escurantismo que rodea a venda ao grupo Recoletas dos centros sanitarios privados Centro Médico el Carmen, Cosaga, Cendisa e Escaner Ourense. Neste contexto, os cadros de persoal xa padeceron recortes salariais e amosan a súa preocupación por posíbeis despedimentos.
Dende a central sindical sinalan que as persoas traballadoras afectadas pola venda descoñecen tanto o estado das negociacións como as accións que van levar a cabo as distintas direccións destes centros para favorecer o proceso. “A día de hoxe as posibilidades de regularización dos cadros de persoal con numerosos despidos son cada vez máis reais, sendo esta unha das posíbeis condicións que poña o grupo Recoletas, xunto coa redución do custe salarial”.
Neste senso, os cadros de persoal destes centros denuncian recentes recortes nos seus soldos, “coa redución de cantidades importantes que lle permitían ter nóminas decentes”. Ademais, no Centro Médico el Carmen xa con anterioridade se teñen denunciado ante a Inspección de Traballo casos de “abuso” ou de posíbel “acoso laboral” por parte da Xerencia, “algúns deles xa resoltos con apercibimentos á empresa”.
Por todo isto, dende a federación de Saúde da CIG de Ourense non descartan convocar mobilizacións “para facerlle fronte a esta situación de indefensión que está a sufrir o persoal destes centros”.