A CIG-Saúde de Compostela mobilizarase contra a renovación automática de contratos feitos na pandemia
A federación de Saúde da CIG de Compostela vén de convocar unha protesta para rexeitar a renovación automática dos contratos realizados na área sanitaria de Santiago-Barbanza a consecuencia da actual emerxencia sanitaria provocada polo virus SARS-CoV-2. Dende a central entenden que non se axustan á demanda asistencial existente senón a “criterios electoralistas”, ademais de penalizar os profesionais que accederon a unha lista baixo criterios de igualdade, mérito e capacidade.
Coa mobilización, que terá lugar este venres 29 diante do Hospital Clínico ás 12:00 horas, queren denunciar tamén que axestión da Xunta de Feijóo a respecto da sanidade pública galega “precariza a contratación de persoal, escravizándoo con condicións laborais pésimas e imposibilitando a conciliación da vida laboral e familiar”.
Este tipo de contratación penaliza os profesionais que accederon a unha lista baixo criterios de igualdade, mérito e capacidade que a día de hoxe non se están a respectar”
Tamén censuran que agora o presidente da Xunta pretenda “vender estes contratos como un premio, mais para nós é un contrato envelenado que castiga os profesionais das listas de contratación”.
Entenden que a diminución de pacientes por Covid19 está a provocar que estes/as profesionais renovados/as “ocupen contratos que deberan ser ofertados pola lista de contratación como baixas laborais, riscos no embarazo ou, no peor dos casos, cubrindo ausencias e días libres sen ter as quendas do mes, con chamadas cada tres días para sabelas ou incluso con días quedando na casa por non ter onde colocalos/as”.
Por consideran que a súa renovación “é un exemplo de xestión nefasta dos recursos públicos, xa que estas renovacións inxustificadas son unha absoluta perversión da contratación e penaliza os profesionais que accederon a unha lista baixo criterios de igualdade, mérito e capacidade que a día de hoxe non se están a respectar”.
Ao mesmo tempo, lembran que continúan á espera de que a Xerencia de Santiago informe do número de contratos que hai, disgregados por categorías e tempo de duración
Informe da Inspección
Por outra banda, denuncian a hipocrisía do do Sergas a respecto da organización colectiva das unidades con enfermos/as Covid19, xa que un informe da Inspección de Traballo desmonta que exista planificación Covid19 na Xerencia de Santiago: <<No consta que se hayan establecido planes de continuidad para garantizar el mantenimiento de la actividad ante un aumento de las bajas laborales o en un escenario de incremento del riesgo de transmisión en el lugar de trabajo, con la participación de la representación de los trabajadores, a pesar de que se trata de una de las medidas de prevención de carácter organizativo que establece el Protocolo de servicio de Prevención, por lo que se ha advertido a la entidad que se deben establecer planes de continuidad para garantizar el mantenimiento de la actividad con la participación de la representación de los trabajadores>>.
Por todo isto, aseguran que o Sergas e a Xerencia de Santiago ignoran ou desprezan o seu persoal, “e fano así para pintar unha realidade falsificada da situación actual da sanidade pública, espallando unha visión entre a sociedade dunha sanidade perfecta e de que todo vai moi ben”.
Finalmente, esixen a revogación dos contratos Covid19, “unha contratación sen pudor e de vergoña por parte do Sergas”, e que se oferten os contratos por orde de prelación das listaxes de contratación, respectando os principios básicos polos que se rexen: igualdade, mérito e capacidade.