A CIG-Saúde de Compostela reclama a recuperación dos dereitos roubados ao persoal do Sergas
Traballadores e traballadoras do CHUS concentrábanse esta mañá na entrada principal do Hospital Clínico para reclamar a recuperación dos dereitos que foron arrebatados ao persoal do Sergas e que, malia o goberno asegurar que saímos da crise, non foron devoltos. A concentración insírese nunha campaña da CIG-Saúde que anunciaron que continuará, con mobilizacións unha vez ao mes, se non se atenden ás súas demandas.
En representación do persoal, o delegado de CIG-Saúde, Xosé Manuel Marcote, lembrou que estas mobilizacións dan continuidade á folga convocada en solitario pola central sindical, tamén pola recuperación dos dereitos arrebatados. “Continuamos mes tras mes denunciando que non nos devolveron o roubado”, explicou.
A este respecto, Marcote denunciou, entre outras cuestións, que se lles suprimiron 3 días de libre disposición, pasando dos nove que tiñan a seis. Reclamou o acordo retributivo do 2008 ao 2012, que se suspendeu en 2010. “Quedan aí tres anos nos que aínda non se nos pagaron os cartos comprometidos”, denunciou.
Ademais subliñou a cuestión da carreira profesional, da que a día de hoxe non está negociado nada. “Non sabemos canto tempo hai que estar en cada grao, que cantidade se vai cobrar e non hai orzamento previsto para destinar á carreira profesional”.
Lei de Saúde
Xunto a isto o persoal denunciou as consecuencias que terán as modificación que o PP vai introducir na Lei de Saúde porque “concentra os servizos sanitarios nas grandes áreas e alimenta o negocio da privada, en lugar de ser un servizo público”.
Sobre este asunto, Marcote subliñou que o que se fai con esta lei é concentrar o persoal nos grandes hospitais e deixar sen asistencia sanitaria digna as zonas periféricas, desmantelando mesmo a atención primaria”.