A CIG-Saúde da Mariña chama a encher este domingo as rúas de Viveiro “pola resurrección da nosa sanidade”

A Plataforma comarcal en defensa da sanidade pública convoca manifestación ás 12h con saída da Cruz Vermella
- 18 Mar 2025

A CIG-Saúde da Mariña fai un chamamento ás traballadoras/es e á veciñanza da comarca para que participe na manifestación convocada por Plataforma na Defensa da Sanidade Pública deste en Viveiro este domingo, 23 de marzo, baixo o lema “pola resurrección da nosa sanidade”. “A xente alegre e combativa da Mariña temos que saír novamente á rúa para lembrarlle a quen xestiona a nosa sanidade que estaremos agora, aquí e sempre, na defensa da sanidade pública.”, aseveran.

Denuncian que “o que ten que facer o presidente da Xunta é deixar de mentir e manipular, de recortar e de privatizar a sanidade pública da Mariña e escoitar as demandas dos mariñaos e das mariñás”. Por iso, instan a participar na mobilización que este domingo sairá ás 12h da Cruz Vermella.

Razóns para mobilizarse

Algunhas das razóns, explican, que nos levan «a mobilizarnos de xeito contundente, son estas:

– Desmantelamento da atención primaria con falta de recursos humanos (persoal médico, pediatras, enfermaría, matronas, traballadoras sociais, PSX…) e materiais.

– PAC sen dotación adecuada de material e persoal, obrigando a que varios destes centros queden baleiros de persoal sanitario en moitas ocasións ante a necesidade de ter que desprazarse para atender unha emerxencia.

– Abandono de persoas menores e adultas ao quedar sen logopedia, fundamental para o seu desenvolvemento como persoas.

– Unha ampliación do hospital froito da presión e da mobilización social que supón máis metros cadrados, pero que non van acompañados de máis e mellores servizos nin de máis persoal. Como exemplos: a falta de dunha consulta de cirurxía vascular, electroencefalogramas, densitometrías, panorámicas dentais ou electromiografías aumentando as derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña non só para probas diagnósticas, tamén para intervencións cirúrxicas.

- Alerta vermella en servizos como Medicina Interna, Uroloxía, Cardioloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Radioloxía...por falta de persoal que provoca suspensión de consultas, aumento das listas de espera e derivacións a Lugo para probas diagnósticas, cirurxías e ingresos.

A falta de profesionais, apunta a CIG-Saúde, “non se debe tan só a escaseza dos mesmos, e así atopámonos con categorías nas que existe moita dispoñibilidade, pero o SERGAS négase a incrementar o cadro de persoal como acontece, entre outras categorías coas Técnicas de Farmacia ou servizos como o paritorio que se atopa sen dotación de TCAE.

– Privatización de servizos como mantemento como electromedicina, historias clínicas etcétera.

Un desmantelamento froito de anos de políticas de recortes do PP

Para o sindicato nacionalista, esta, e non outra, “é a verdadeira sanidade de Rueda. Mentres, o PP defende que está a realizar unha magnífica xestión, un discurso soberbio e frívolo cando se xoga coa saúde das persoas”. A CIG-Saúde reitera que a actual situación de desmantelamento e falta de profesionais “non é froito dunha fatalidade nin dunha maldición bíblica, é froito de todas as decisións do PP destes anos e dunha política de recortes continuos que ten consecuencias”.

Reivindicacións fundamentais

Dende o sindicato nacionalista lembran algunhas das reivindicacións básicas e fundamentais para garantir una asistencia sanitaria de calidade.

  • Atención Primaria

Creación de prazas de persoal de todas as categorías profesionais en xornada ordinaria e redución de cupos. Estabelecer o cupo base de persoal médico e enfermería nun máximo de 1.250 tarxetas sanitarias(TSI), e 800 en pediatría. Dotar de pediatras a todos os centros de saúde da Mariña; incrementar os/as profesionais de apoio coa incorporación de matronas, traballadoras/es sociais, odontólogas/os e hixienistas dentais, fisioterapeutas, logopedas, terapeuta ocupacional, PSX…

De igual xeito, demandan a cobertura do 100% das ausencias en todas as categorías; dúas equipas completas enfermaría-médica en todos os PAC e dotalos de material.

  • Atención hospitalaria

Neste punto reclaman a recuperación da “área sanitaria roubada”; a dotación de electromiogramas, densitometrías óseas, electroencefalogramas, consulta de cirurxía vascular, e recuperar a implantación de marcapasos, as operacións de fimose pediátrica...

Dotar tamén do persoal necesario en todas as categorías existentes, e crear prazas públicas de logopedas, terapeutas ocupacionais,… Rematar coas derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña e as privatizacións de servizos hospitalarios (mantemento, historias clínicas…).

“Nin nos rendemos nin nos resignamos e sairemos unha e mil veces á rúa para que o Partido Popular teña moi claro que non imos dar nin un só paso atrás na defensa dos nosos servizos públicos como é a sanidade de todas e todos”, e por todo o anterior “facemos un chamamento a participar na manifestación do domingo 23 de marzo en Viveiro convocada por Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña”, conclúen.