A CIG-Saúde da Mariña alerta das altas temperaturas que se rexistran no centro de saúde de Viveiro
A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o centro de saúde de Viveiro está a rexistrar este verán unha temperatura media de entre 29 e 31 graos centígrados en determinadas consultas, “o que incumpre a normativa legal vixente sobre as máximas autorizadas non só nun centro asistencial senón en calquera lugar de traballo”.
Segundo sinalan, esta excesiva calor, que supera o máximo estimado para o risco de tensión térmica (a partir de 27º C), está a afectar a traballadores/as, pacientes e usuarios/as, e lembra que existe un risco potencial de desmaio por estas altas temperaturas.
Ademais, puntualizan que, segundo a normativa legal vixente, a temperatura en centros onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas e tarefas similares deberá estar comprendida entre 17 e 27º C, e naqueles onde se fagan traballos lixeiros entre os 14 e 25º C.
“Os e as profesionais levan tempo demandando unha solución para unha situación que se repite todos os veráns”, lembran, ·ao tempo que sosteñen que “a Xerencia de Lugo-Cervo-Monforte é coñecedora polas canles oficiais do que está a acontecer”.
Diante na Inspección
Detallan que segundo o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo -dependente do Ministerio de Emprego-, “unha temperatura inadecuada, e máis se é superior aos 27º C, pode producir catarros, molestias e incomodidade aos traballadores/as, afectando o seu benestar, á execución das súas tarefas e ao seu propio rendemento laboral”.
Neste senso, lembran que a Xerencia de Atención Primaria dotou este centro dunha serie de ventiladores “que non resolveron o problema e a calor é insoportábel”. Diante disto, esixen d Xerencia de Lugo-Cervo-Monforte que cumpra a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais e adopte as medidas correctoras oportunas para solucionar esta situación, “xa que no caso contrario verémonos na obriga de presentar denuncia ante a Inspección de Traballo”.