
A CIG-Saúde da Coruña denuncia a situación de verdadeiro caos vivido no Hospital Abente e Lago durante o apagamento

A CIG- Saúde advirte da situación de “verdadeiro caos” vivida polo persoal do Hospital Abente e Lago durante a tarde do luns 28 de abril, día no que se produciu o colapso eléctrico, e demanda que se adopten as medidas precisas evitar que isto non se volva repetir. Critican que mentres a Xerencia da Coruña pretende transmitirlle á cidadanía que a situación dos hospitais da área sanitaria foi de “normalidade” con pequenas incidencias, estas afirmacións non coinciden co que viviron as e os profesionais nesa xornada.
“A situación do Hospital Abente e Lago foi dun caos absoluto”, alerta a CIG-Saúde. En todo o hospital só se dispoñía dun teléfono na planta baixa, polo que o resto das unidades estaban completamente incomunicadas. Ademais, os sistemas informáticos non funcionaban “polo que era imposíbel acceder ás historias clínicas das persoas doentes ingresadas”.
A Xerencia, a pesar de que foi informada destas incidencias, non suspendeu os ingresos no hospital, tendo que subir os/as pacientes polas escaleiras e ingresando sen historia clínica.
A CIG-Saúde salienta que neste hospital a maioría das persoas doentes teñen unha alta dependencia “polo que necesitan de moita axuda para a realización das actividades básicas da vida diaria”. As camas quedaron bloqueadas na posición na que estaban cando se produciu o apagón, tendo o persoal que acomodar as persoas doentes “como se puido”.
Xunto a isto, sinalan que non había auga nas fontes, nin nos baños, “e até 4 horas despois non se subministrou auga embotellada”. Estes e outros incidentes déronse durante esa tarde neste centro.
Ante isto, a CIG-Saúde e os/as profesionais piden responsabilidades e que se tomen as medidas necesarias para que algo así non volva acontecer.