A CIG-Saúde critica a inacción da Consellería ante a grave crise da Atención Primaria

Sanidade continúa sen convocar a Mesa Sectorial específica para abordar os problemas nos centros de saúde e PAC
Nacional - 27 Xan 2026

A CIG-Saúde denuncia a absoluta falta de resposta da Consellería de Sanidade ao escrito no que esixía a convocatoria urxente dunha Mesa Sectorial específica para abordar a situación crítica da Atención Primaria en Galiza, tanto nos centros de saúde como nos Puntos de Atención Continuada.

No documento remitido, CIG-Saúde alerta dunha Atención Primaria ao límite, cunha sobrecarga asistencial insostíbel que sofre o persoal que traballa na sanidade e que repercute directamente nunha peor atención á cidadanía. O sindicato reclama límites claros no número de pacientes por profesional e día, a eliminación da burocracia innecesaria que resta tempo á atención directa, o reforzo inmediato dos cadros de persoal en todas as categorías e a incorporación de novos perfís profesionais que permitan dar unha resposta axeitada ás necesidades reais da poboación.

No caso da atención continuada nos PAC, a CIG-Saúde chama a atención especialmente no grave problema dos cómputos de xornada, que supoñen un abuso para o persoal e unha vulneración dos seus dereitos laborais. A isto súmanse plans funcionais con cargas asistenciais excesivas, quendas inasumíbeis e a falta de persoal suficiente, unha situación que a Consellería leva anos sen resolver.

O sindicato tamén rexeita frontalmente a intención da Consellería de ampliar a atención dos sábados pola mañá nos PAC sen contar con persoal suficiente nin negociar previamente as condicións de traballo e retributivas. CIG-Saúde advirte de que esta medida, lonxe de mellorar a atención, agravará o desgaste do persoal, dificultará a conciliación e xerará desigualdades entre áreas sanitarias.

Tras fixar no escrito un prazo máximo de resposta e non obter ningunha contestación por parte da Administración, a CIG-Saúde anuncia que nos vindeiros días poñerá en marcha medidas de presión para forzar a Consellería a sentar a negociar e asumir a súa responsabilidade. “O sindicato non vai consentir que se siga deteriorando a Atención Primaria nin que se sigan vulnerando os dereitos do persoal que traballa na sanidade pública galega”, asevera a secretaria nacional, Ana Lestón.