A CIG-Saúde critica a falta de información e planificación nas obras do Hospital Gil Casares
A CIG-Saúde denuncia o escurantismo, a incompetencia e a irresponsabilidade da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza pola falta de información á representación das/os traballadores/as sobre a xestión e planificación das obras nos distintos servizos, os peches de camas ou de centros de saúde.
O pasado 26 de maio, a CIG remitiu un escrito solicitando que, ante a gravidade da situación na unidade de hospitalización de agudos de psiquiatría do Gil Casares, provocada polo desprendemento do teito e as deficiencias estruturais do inmoble, se trasladara a seguinte información:
- Proxecto de reforma do tellado e dos distintos cuartos do servizo de agudos de psiquiatría.
- Planificación e reorganización dos e das profesionais e das persoas usuarias e análise de como as obras repercuten nas persoas doentes pendentes de ingreso.
- Informe técnico estrutural do edificio e das distintas instalación que, segundo as fendas da edificación, así como os apuntalamentos e reforzos existentes, garantan a seguridade para as profesionais e doentes.
Porén, a día de hoxe segue sen haber contestación e das 21 camas coas que conta o hospital na unidade de agudos de psiquiatría só están operativas 15, xa que polos desprendemento do falso teito, os buracos no tellado, o deterioro de radiadores, armarios ou baños, hai catro habitacións (6 camas) pechadas.
"A dirección da área sanitarias é incapaz de informarnos da planificación e de xestionar de xeito adecuado a unidade de psiquiatría", advirte a CIG-Saúde. Esta falta de previsión "afecta directamente as persoas usuarias que pasan días no servizo de urxencias e non poden ser ingresadas no servizo de psiquiatría de agudos ao non existir camas dispoñíbeis". Un problema que se agrava coas listaxes de agarda inaceptábeis dos doentes psiquiátricos das unidades de saúde mental, incluso non incumprindo coa normativa de control de alta de doente "que debe facerse dentro dos 6 días despois da alta e que nestes intres supera o mes".
A CIG-Saúde de Compostela rexeita que non se garanta unha alta calidade asistencial neste servizo ao non contar coas camas suficientes e ter unhas instalacións deterioradas e en mal estado, que non contan con aire acondicionado nin calefacción, e en condicións "impropias dun hospital concibido para aloxar as 24 horas do día as persoas doentes ingresadas por doenzas graves, mais tamén para que as e os profesionais podan realizar a súa actividade con confort e seguridade".
Neste senso, critican que alén da falta de información, non se conte coa participación do persoal na planificación e ordenación dos recursos humanos da unidade de psiquiatría, repercutíndolle esta situación no dereito a conciliar a vida familiar e laboral. "Non se respectan descansos, libranzas e permisos, ao obrigarlle a dirección ás/aos traballadoras/es a facer autocoberturas de noites, festivos etc". De feito, nos propios informes de riscos recóllese a necesidade de “incrementar o reforzo actualmente existente na unidade.
Peche de camas
Doutra banda, a CIG-Saúde lamenta que tampouco se teña confirmado o número definitivo de camas, quirófanos e servizos que pechan este verán na área sanitaria, xa que primeiro se anunciou a través dos medios o peche de 92 camas no CHUS, case todas no hospital de Conxo. Mais na información enviada á representación do persoal, o cronograma recolle o peche de 99 camas no Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo e no hospital Clínico, ás que hai que engadir as 6 pechadas no servizo de psiquiatría no Gil Casares.
"É obvio que a Xerencia incumpre a lexislación ao vulnerar os dereitos de información, audiencia e consulta da representación das e dos traballadores nos termos nos que legalmente están establecidos", conclúen.