A CIG-Saúde convoca concentracións contra a pretensión da Xunta de que o persoal traballe "a custe 0"

Serán o próximo xoves 9 de decembro, ás 13 horas, nos centros de saúde
Nacional - 03 Dec 2021

A CIG-Saúde denuncia que a situación da atención primaria neste momento é insostible pola falta de traballadores e traballadoras, nomeadamente de persoal médico e de enfermería, froito das políticas de persoal que aniquilaron estes postos de traballo. Apuntan que tamén hai outras categorías nas que existen suficientes profesionais nas listas de contratacións, "mais o SERGAS négase a contratalas, como no caso de PSX, Traballadores/as Sociais, Odontólogos/as, Fisioterapeutas, Matronas, TCAEs, Farmacéuticos/as, entre outras".

Neste contexto, a Consellería de Sanidade está obrigando forzosamente as/os profesionais a que incrementen a súa xornada para facer fronte á sobrecarga de traballo e para dar cobertura ás prazas vacantes que o SERGAS non dá cuberto.

LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS

  • Santiago: Centro de saúde de Fontiñas. 13h
  • Barbanza: Centro de saúde de Ribeira. 13h
  • Ferrol: Centro de saúde Fontenla-Maristany. 13h
  • Pontevedra: Centro de saúde Virxe Peregrina. 13h
  • O Salnés: Centro de saúde de Vilagarcía. 12h
  • Vigo: Centro de saúde da Guarda. 13h
  • A Mariña: Centro de saúde de Burela. 13h
  • Lugo: Centro de saúde A Milagrosa. 13h
  • O Barco: Centro de saúde do Barco. 13h

Para CIG-SAÚDE un incremento de xornada ten que estar organizado e cunha planificación "porque o persoal non pode estar á disposición permanente do SERGAS". Salientan que esta prolongación ten que ter a súa correspondente retribución, "xa que o SERGAS non pode pretender que o persoal traballe gratis". E ten que recoñecerse a penosidade, para todas/os as/os profesionais, na prestación de traballo en quendas de noite ou en domingos e festivos; que tamén ten que ser retribuída.

Ademais, este incremento da xornada ten que estar dirixida a eliminar as listas de agarda, e a normalizar as axendas, porque non pode haber axendas con 80 citas diarias.

Maltrato do SERGAS ao seu persoal

A CIG-SAÚDE considera "impresentable que, unha administración que ten a responsabilidade de garantir o dereito a que a poboación reciba unha prestación sanitaria de calidade, maltrate as/os profesionais que seguen a traballar día a día para minimizar os efectos dos recortes en sanidade".

Sinalan que non vale a escusa de que hai uns acordos retributivos do ano 2008, nos que non había o déficit de profesionais que hai hoxe. "E sobre todo, porque a situación actual non é a mesma que fai 13 anos. Tampouco serve de escusa, engaden, para a administración dicir que xa accedeu a negociar o Plan de Ordenación de Recursos Humanos para a atención primaria, pois as dúas negociacións poden transcorrer en paralelo".

Por todo isto, desde CIG-SAÚDE reiteran a urxencia de que o SERGAS convoque unha reunión de Mesa Sectorial para abordar as condicións laborais e retributivas de todo o persoal que incremente a súa xornada e as condicións do persoal médico, de maneira que se facilite "que fique a traballar na atención primaria en vez de acceder a outros postos de traballo". "Non hai que crear máis categorías profesionais", aseveran. "Só hai que dignificar as existentes e por en valor o traballo da atención primaria".