A CIG-Saúde considera “escandaloso” o acordo do Ministerio de Facenda coa industria farmacéutica
Polas informacións ás que tivo acceso a CIG-Saúde, o Ministerio de Facenda obrigará as comunidades autónomas que soliciten o FLA (Fondo de Liquidación Autonómica, a gastar en medicamentos de marca -en substitución dos xenéricos- unha contía equivalente ao medre do seu PIB. A CIG-Saúde considera “escandalosa” esta decisión, froito dun acordo entre o Ministerio e a industria farmacéutica e denuncia que o seu único obxectivo é “financiar cos orzamentos públicos que deberían destinarse á sanidade pública ás multinacionais do sector, que se van enriquecer a costa de todas as usuarias e usuarios”.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denuncia que é “inadmisíbel” que un goberno que recorta de forma sistemática os orzamentos destinados a financiar a sanidade pública obrigue a receitar os medicamentos máis caros en detrimento dos xenéricos, “cando mantén camas pechadas, ten escaseza de persoal e moito está en precario, segue incrementando as listas de espera para así derivar á sanidade privada e ofrece cada vez peores prestacións para as usuarias e usuarios”.
Lembra que o gasto farmacéutico hospitalario xa medrou un 23% e advirte que con isto dispararase aínda máis o gasto porque “os novos medicamentos teñen un prezo disparatado”. Denuncia ademais que apostar polas marcas fronte os xenéricos non aportará beneficio algún para a saúde da poboación, pero si seguirá enriquecendo, a súa costa, as multinacionais da farmaindustria, ademais de “desacreditar os medicamentos xenéricos que son de igual efecto terapéutico pero xa non teñen patente”.
Por iso, diante desta decisión, a CIG-Saúde pregúntase se este acordo formará parte do novo modelo de financiamento autonómico e se o goberno galego vai aplicar esta medida. “Neste intre non recorreu ao FLA pero podería ter que facelo no futuro”, advirte Abuín.
A secretaria nacional de CIG-Saúde manifesta tamén a súa preocupación polas repercusións que este incremento de prezos nos medicamentos poida ter na aportación que fan as e os doentes cando os adquiren e nomeadamente as consecuencias que terá no re-pago que fan as e os pensionistas.