A CIG asina o convenio pontevedrés de Hospitalización e Internamento ao compensar as perdas salariais
A federación de Saúde da CIG asinou onte o convenio de Hospitalización e Internamento da provincia de Pontevedra, acordo que estará vixente até o ano que vén e que permite compensar as perdas salariais producidas dende 2013.
A negociación do convenio, que foi ratificado polas tres centrais sindicais presentes na mesa de negociación (CIG, CCOO e UGT), iniciouse o 3 de novembro de 2016 tras ter rematada o súa vixencia en 2013, permanecendo paralizada dende entón calquera subida na táboa salarial.
Na central salientan que “despois dun longo e difícil período de negociación foi a convocatoria dunha folga no sector o que permitiu desbloquear a situación e chegar a un acordo que permite compensar as perdas retributivas destes anos, aínda que se mantén unha débeda importante coas traballadoras/es do sector en aspectos sociais e de melloras retributivas que nesta negociación non se conseguiron incorporar ao convenio”.
Segundo explican, o acordo recolle un incremento salarial total do 5% durante o período de vixencia, con subida do 0,50% nas táboas salariais para 2016. A partir deste ano aplicaranse subas do 1,25% en 2017, do 1,50% en 2018 e do 1,75% en 2019, con revisión segundo o valor do IPC para os dous últimos anos.
Melloras sociais
Entre as melloras sociais incorporadas ao convenio figura que a xornada anual será de 1770 horas de traballo máximo efectivo, que será mellorada polo cambio de consideración progresiva dos días de libre disposición, pasando a ser retribuídos e non recuperábeis. Así, en 2018 haberá un día de libre disposición retribuído e non recuperábel e dous recuperábeis; en 2019 haberá dous retribuídos e non recuperábeis e un recuperábel; e xa en 2020 os tres días serán retribuídos e non recuperábeis, polo que a xornada das persoas que gocen os tres días de libre disposición será de 1749 horas/ano.
No apartado de licenzas e permisos incorpóranse melloras para as nais e os pais con fillas/os que precisen asistencia sanitaria.
“Para tratar de evitar a demora na negociación do próximo convenio temos acordado iniciar as negociacións en outubro de 2019 e, no caso de non ter rematada a negociación do convenio, a partires do 1 de xaneiro do 2020 estará garantida a subida salarial segundo a evolución do IPC até a sinatura dun novo convenio”, indican dende a CIG.
Finalmente, fan fincapé no apoio, na actitude e na determinación amosadas polo persoal do sector durante as negociacións e nas mobilizacións “e agardamos que nas próximas se volva repetir porque será máis doado conseguir as melloras sociais e retributivas que nesta ocasión non se conseguiron incorporar ao convenio”.