A CIG-Saúde apoia e chama a participar na concentración en demanda de pediatras e matronas para os centros de saúde da Costa da Morte
A CIG-Saúde traslada o seu apoio e chama a participar na concentración convocada para esixir máis pediatras e matronas na Atención Primaria dos centros de saúde da Costa da Morte. Baixo o lema 'Pediatras e Matronas Xa' a mobilización terá lugar o próximo domingo, 13 de marzo, ás 12h, diante do centro de saúde de Cee.
A situación que se está a sufrir na Costa da Morte pola ausencia de pediatras na Atención Primaria é insostible, chegando a que un único profesional teña que asumir a atención dos nenos e nenas de cinco concellos. CIG-Saúde denuncia que a poboación da Costa de Morte leva padecendo este abandono por parte de todas as administracións públicas dende hai anos, "pero agora mesmo quen máis o padecen son as persoas máis vulnerables, os nenos e nenas". "Isto é inaceptable e esiximos unha solución inmediata a este problema".
Para a CIG-Saúde outra política de persoal na sanidade pública é posible e insta as xerencias a adoptar as medidas necesarias para que todos os nenos e nenas reciban a mesma atención sanitaria, independentemente do lugar no que vivan.
Por todo isto, CIG-Saúde facei unha chamada á poboación "e a todas e todos os profesionais da sanidade pública a participar nesta concentración o vindeiro domingo, e demostrarlle á Consellería de Sanidade que a Costa da Morte non está durmida e que está disposta a loitar por uns servizos públicos de calidade".
Explican que á protesta se poden levar pandeiretas, tambores ou "calquera instrumento que faga ruído para que nos escoiten alto e claro: a sanidade pública deféndese!".