A CIG-Saúde apoia a dimisión dos xefes/as de servizo de Atención Primaria da área de Vigo
A CIG-Saúde vén de amosar publicamente o seu apoio á dimisión presentada pola maioría dos xefes/as de servizo e unidade de Atención Primaria da área de Vigo en protesta polas condicións laborais que padecen e que impiden unha atención digna ao paciente. Dende a central entenden que é momento de que a Xunta tome medidas e asuma o fracaso da súa política sanitaria.
Para a federación de Saúde da CIG de Vigo, a dimisión en bloque da maior parte dos xefes/as dos centros de saúde reflicten a insostíbel situación na que se atopa a Atención Primaria da área sanitaria viguesa, “na que as médicas e os médicos de familia xa non poden dar máis de si”, polo que consideran que chegou a hora de que a Administración asuma as súas responsabilidades de xeito inmediato.
“O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade teñen que asumir a súa responsabilidade e o fracaso dunhas políticas sanitarias que provocaron esta situación”. Consideran que é imprescindíbel que o Goberno galego faga dunha vez por todas unha aposta decidida pola Atención Primaria, con medidas que permitan a dignificación do traballo das e dos profesionais.
Entre elas, a recuperación das estruturas de xestión da Atención Primaria, con capacidade de xestionar orzamento e recursos humanos; o incremento do orzamento dedicado á Atención Primaria, de xeito que permita aumentar o número de profesionais con contratacións estábeis, cubrindo as necesidades reais con prazas estruturais e realizando unha Oferta Pública de Emprego do 100% das prazas realmente existentes, “xa que as 57 prazas ofertadas son unha demostración máis da súa falta de respecto pola Atención Primaria”.
Atender as demandas dos PAC
Tamén entenden que é necesario modificar as estruturas hospitalarias para que permitan que as e os profesionais da Atención Primaria se relacionen de xeito directo cos de Atención Hospitalaria, nun espazo de coñecemento e colaboración mutua, sen barreiras e con recursos que permitan respostas áxiles que eviten as actuais demoras non asumíbeis.
Outra das medidas pasaría por dar resposta satisfactoria ás demandas das e dos profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PAC), “que levan máis de seis meses de conflito e que, diante da pasividade da Administración, teñen convocada unha folga que non é máis que un sinal de desesperación diante da súa incapacidade para dar resposta á atención continuada, ás urxencias e ás emerxencias que se producen”.
Finalmente, demandan o incremento da capacidade docente, para o que é preciso coidar ao persoal que se dedica a formar ás novas xeracións de especialistas, así como incentivar e prestixiar este traballo.
Máis recortes, menos persoal
O que agora acontece é resultado da política de persoal do Goberno do PP, impulsada por Núñez Feijoo, e que nestes anos aplicaban co máximo rigor Rocío Mosquera, na súa etapa de conselleira de Sanidade, e Félix Ruibal, agora xerente da EOXI de Vigo, anteriormente director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.
Estes datos foron extraídos dos planos de Ordenación de Recursos Humanos do Sergas publicados no DOG nos anos 2012 e 2013:
<center>
Datos de xubilación SERGAS 2012/2017 |
|
Médicos de Familia Atención Primaria |
333 xubilacións |
Pediatría: hospitalaria e Primaria |
175 xubilacións |
-
Prazas ofertas nas convocatorias MIR NOS ANOS 2012/2017
Médicos de Familia
554 prazas
Pediatría
96 prazas.
Se facemos unha análise dos datos comprobamos que:
-Pediatría: 175 xubilacións. 96 incorporacións= 79 prazas de déficit.
-Médicos/as de familia: 333 xubilación e 554 prazas MIR= 221 novas incorporacións
-221 médicas/os de familia para as coberturas de Atención Primaria, PAC, urxencias hospitalarias, 061, Centro de Transfusión de Galiza e Inspección Sanitaria. Ademais, hai quen opta por traballar na sanidade privada buscando a estabilidade laboral que o Sergas lle nega.
Ante esta situación a Consellaría de Sanidade e o Sergas, isto é, Rocío Mosquera e Félix Ruibal, a única medida que adoptaron foi obrigar a todo o persoal a xubilarse ao ter cumprido os 65 anos.
O que acontece agora en Vigo é que o xerente da EOXI está demostrando unha incapacidade absoluta para xestionar a sanidade coas medidas de recortes que el mesmo aplicou cando era director xeral de Asistencia Sanitaria. O grave da situación é que quen paga as consecuencias son as persoas enfermas e as/os profesionais.
“Pero Feijóo segue ao seu, e Rocío Mosquera, premiada polo servizos prestados como xerente de Galaria”, denuncian. Polo tanto, dende a CIG-Saúde pregúntanse como é posíbel que estas persoas continúen en postos de responsabilidade despois do fracaso da súa xestión.