A CIG-Saúde advirte da falta de atención médica no Centro de Saúde de Vilariño de Conso

O centro quedará sen cobertura do 16 ao 31 de xullo
Vilariño de Conso - 21 Xul 2025

A CIG-Saúde de Valdeorras advirte da intención de deixar sen cobertura médica o Centro de Saúde de Vilariño de Conso do día 16 ao 31 de xullo. Durante ese período, explican, non haberá consulta ordinaria como tal en horario de mañá, tendo os e as pacientes deste municipio que desprazarse ao Concello de Viana do Bolo. Pero ademais, apuntan que os ocos que se lles deixan para poder anotarse no centro de saúde veciño “son moi escasos”.

Para a representación da CIG-Saúde “esta inasumíbel minoración dos recursos sanitarios” do rural “é unha actitude temeraria e perigosa” que imposibilita a atención temperá nas emerxencias dunha poboación envellecida e dispersa por un territorio de montaña. Dificúltase ademais, cando non se imposibilita, o seguimento dos procesos crónicos, a diagnose de novos procesos de enfermidades, de estudos analíticos, das incapacidades laborais (baixas ou altas de IT), da solicitude de medios de transporte sanitario, das renovacións de receitas etc.

E todo isto, engaden, “nunha época do ano en que se incrementa a poboación no concello con residentes estivais foráneos, que ademais adoitan facer actividades ao aire libre incrementando o número de accidentes, intoxicacións e alerxias”.

A CIG-Saúde Valdeorras esixe a inmediata cobertura deste recurso sanitario, utilizando para iso “calquera tipo de recurso de xestión dispoñíbel: contratacións, prolongacións de xornada, xornadas a maiores etc.”.