A CIG saúda a decisión do Concello de Miño de rescindir o contrato do SAF á empresa Os Ventos

A central sindical viña reclamando medidas contundentes ante os reiterados e graves incumprimentos da concesionaria
Miño - 21 Xan 2026

A CIG saúda a decisión do Concello de Miño de rescindirlle o contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Os Ventos, tal e como a central sindical demandou ante os reiterados incumprimentos laborais coas traballadoras e na prestación do servizo ás persoas usuarias.

Nos apenas dous meses de xestión do SAF por parte desta empresa, as deficiencias foron constantes e graves até o punto de que as queixas polo mal funcionamento déronse tanto por parte das traballadoras como das persoas usuarias.

Dende o primeiro momento, Os Ventos incumpriu o marcado nos pregos de condicións ao non dispor da infraestrutura e dos medios requiridos, polo que a mediados de decembro, a CIG xa solicitou do Concello de Miño que sancionara a empresa, tendo en conta ademais que intentaba culpabilizar as traballadoras polo nefasto servizo prestado.

Porén, a falta dunha actuación contundente facilitou que os incumprimentos fosen a máis producíndose contratacións de persoas sen certificado de profesionalidade, que non se respectasen os tempos de descanso entre xornada, unha descoordinación total no servizo ou mesmo que a empresa recortara horas de atención as persoas usuarias.

Agora, tras a decisión do Goberno municipal de rescindir o actual contrato, a CIG entende que Os Ventos non pode seguir prestando o servizo e que debe ser outra empresa a que se faga cargo de maneira temporal da xestión da axuda no fogar até que se resolva o novo contrato.

De igual xeito, a CIG-Servizos estará vixilante no proceso de nova adxudicación e agarda que a administración local antepoña o dereito a unha atención de calidade e os dereitos laborais e non permita que a xestión dun servizo básico como o SAF quede en mans de empresas incumpridoras que só buscan facer negocio cos coidados.