A CIG-Salnés reclama un cuarto técnico na ambulancia medicalizada para evitar sobreesforzos do persoal
A CIG-Salnés reclamou hoxe publicamente que se recupere o cuarto técnico/a que foi suprimido da ambulancia medicalizada que opera no Salnés dende hai cinco meses, o que está a provocar sobrecarga de traballo e sobreesforzo no persoal. En consecuencia, instará a Inspección a velar pola saúde e seguridade dos traballadores/as, xa que en moitos servizos teñen que trasladar material que supera os pesos que establece a normativa laboral.
O responsábel da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas, compareceu en rolda de prensa xuntoa delegados d a CIG no sector de ambulancias -entre eles o facultativo na medicalizada do Salnés-, para denunciar esta problemática e anunciar as medidas que vai adoptar a central para intentar que se corrixa.
O facultativo lembrou que nun principio díxose que estas novas ambulancias eran para traslados entre os hospitais comarcais de Salnés, Burela e Monforte e outros de maior rango, e que só puntualmente farían traballos na rúa. “Pero o certo é que nos cinco meses que levamos de traballo, no Salnés fixemos 522 servizos, o 86% deles na rúa”.
Que non farían servizo de rúa foi precisamente a escusa do 061 para eliminar un técnico/a, polo que agora están atendidas só por condutor/a, médico/a e enfermeiro/a, “o que fai que nos atopamos con falta de mans, tendo que usar na maior parte dos servizos a familiares dos pacientes para que nos axuden”.
Ademais, estanse a incumprir as recomendacións do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo sobre a manipulación de pesos e de cargas, que establecen que un traballador/a só pode facerse cargo de 15 quilos. Polo que, neste caso, os tres profesionais que van na ambulancia poderían ocuparse dun total de 45 quilos, cando só o material para atender unha parada cardiorrespiratoria pesa 58,5 quilos.
“A cousa aínda se complica máis despois de atender o paciente, porque hai que trasladalo a el/ela e tamén a todo o equipo material. Non hai que esquecer que na maioría dos casos son patoloxías nas que o tempo corre en contra. E temos profesionais maiores e mesmo enfermos que teñen que cargar con estes pesos”. Por todo isto, a CIG presentará unha denuncia na Inspección de Traballo.
Problemas de saúde
Pola súa banda, o responsábel da CIG-Salnés explicou que unha vez que se suprime un técnico/a prodúcese unha sobrecarga de traballo, porque o persoal restante ten que facerse cargo do traslado do material e dos pacientes. “Isto obrígaos tamén a facer un sobreesforzo, o que no futuro vai provocar problemas de saúde para os propios profesionais”.
Así, o gabinete técnico de Saúde Laboral da CIG está a facer un estudo coas necesidades do persoal, “que en primeiro lugar pasan pola volta dese cuarto técnico/a e tamén pola elaboración dun protocolo de actuación nestes servizos sobre a manipulación de cargas”.
De todo isto é coñecedora a dirección da empresa “porque llo comunicamos cun escrito o 19 de decembro, pero aínda non respondeu, polo que o único que nos queda é acudir á Inspección de Traballo, para que envíen un técnico do ISSGA a comprobar o que estamos a denunciar e no caso de que exista neglixencia obrigue ao 061 a tomar as medidas oportunas para rematar con esta situación”.
Finalmente, os profesionais criticaron que o que se está a facer agora para paliar esta falta de persoa é enviar, cando se pode, outra ambulancia coa medicalizada para que o seu persoal axude a mobilizar o paciente, o que significa que se está a facer uso dous recursos para un mesmo servizo.
“Moitas veces fan falta máis mans para mobilizar os pacientes e o material. Hai que ter en conta que cada minuto que tardamos en atender un infarto a posibilidade de que o paciente se recupere cae entre un 10 e un 12%, o que fai que teñamos unha presión psicolóxica que nos obriga a coller o material de calquera forma para chegar o máis rápido posíbel. E só en tres meses atendemos 17 paradas cardiorrespiratorias e trasladamos 29 infartos, a maioría deles na rúa”.