A CIG-Salnés denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do Instituto Social da Mariña
A Unión Local da CIG do Salnés denuncia unha nova vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do Estado español despois de que o Instituto Social da Mariña (ISM), que vén de facer unha reforma da Casa do Mar de Vilagarcía, optase por colocar un cartel na entrada coa denominación en castelán, vulnerando os dereitos lingüísticos recollidos na Lei de Normalización Lingüística apoiada no seu momento por todos os grupos con representación no Parlamento.
“É absolutamente inxustificábel que unha Administración pública vulnere deste xeito os dereitos lingüísticos da veciñanza da localidade, polo que imos dirixirnos ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para que mude de xeito inmediato o cartel antes de proceder á inauguración do inmoble”, indican.
Finalmente, anuncian que no caso de que o organismo estatal non respecte o noso idioma nesta cuestión e non atenda a demanda da CIG iniciarán unha campaña de mobilización social.