"O preacordo no convenio colectivo das conservas é o mellor negociado até o de agora no sector"
Diante das terxiversacións que se están a facer do contido do preacordo acadado para o convenio colectivo das conservas de peixe, a CIG quere salientar que este é o convenio mellor negociado até o de agora no sector, non só polos importantes incrementos económicos que recolle, senón porque avanza na eliminación real da fenda salarial e dignifica as condicións laborais nas fins de semana e nos festivos.
Así o valorou esta mañá Rosa Abuín, unha das representantes da CIG na mesa negociadora do convenio, durante a rolda de prensa que tivo lugar no auditorio municipal de Vilagarcía. Abuín puxo en valor a loita levaba da cabo polas traballadoras e os traballadores da conserva, sen a que non sería posíbel este preacordo. Previamente á comparecencia diante dos medios de comunicación, a central sindical celebrou unha asemblea con delegadas/os do sector na que se abordou o contido do preacordo.
A nivel económico, Abuín detallou que o pactado establece un incremento salarial para 2021 do 6,5%, cando a suba media acordada noutros convenios estatais para o pasado ano foi tan só do 1,5%. “Isto significa que para este ano o incremento de soldos para o grupo 5 (o máis feminizado) será do 8,1%, e do 7,5% para o resto dos grupos”.
Para os restantes anos de vixencia do convenio queda garantido o poder adquisitivo, xa que ademais das subas porcentuais pactadas conseguiuse recuperar a cláusula de revisión clásica ligada ao IPC real, que se aplicará a finais de ano, cando se cobrarán os atrasos, consolidándose estas cantidades nas táboas. Para o grupo máis feminizado logrouse ademais un 0,3% adicional para cada exercicio.
Deste xeito, os cadros de persoal do sector, unha vez asinado e publicado o convenio, cobrarían neste 2022 en concepto de atrasos arredor de 1000 euros na categoría máis baixa. Ao remate da vixencia do convenio en 2024, o grupo 5 tería un incremento acumulado do 11,7%, sumando a suba pactada para cada ano (6,5% en 2021, 1% e 2020 e 1,5% para 2023 e 2024) e o plus adicional do 0,3%. No resto dos grupos a suba sería do 10,5%, sen contar as revisións a IPC que puidera haber neste período.
A cuarta quenda, regulada e con garantías
Outro dos puntos sobre os que a sindicalista fixo fincapé foi o relativo á cuarta quenda (a xornada que se fai en sábados, domingos e festivos). Indicou que non se trata dunha cuestión nova no sector e a súa redacción vai encamiñada á creación de emprego, á eliminación da contratación a través de ETT, a rematar coa realización discrecional de horas extraordinarias repartidas “a dedo” por parte do empresariado e a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.
Os contratos destinados a esta cuarta quenda terán que ser de nova creación, nunca para o persoal de estrutura que xa está traballando na empresa, e terán carácter indefinido a tempo parcial. A maiores, aquelas empregadas/os que queiran voluntariamente pasar a esta quenda teñen a garantía de poder regresar a súa xornada ordinaria de luns a venres coas mesmas condicións previas.
“Non se pode esquecer que este é un sector moi feminizado e esta cláusula introdúcese porque hai moitas traballadoras que por motivos de conciliación teñen que pedir excedencias ou reducións de xornada co que isto significa de merma dos salario. Agora terán a opción de acollerse a esta quenda e, cun preaviso de 30 días, poderán volver a súa xornada ordinaria sen penalización. Esta era unha demanda que defendemos porque partiu das propias traballadoras", matizou Abuín, referíndose ás informacións que están circulando a respecto do preacordo.
Argumentos suficientes para defender o texto
Neste senso, rexeitou “as intoxicacións con mentiras” e as informacións terxiversadas sobre os termos do texto pactado entre a patronal, CIG e UGT. “Temos suficientes argumentos para defender este preacordo e farémolo con orgullo, porque non hai ningún outro convenio estatal que se asemelle ao preacordo que vimos de alcanzar”, reiterou.
A sindicalista lamentou as críticas de CCOO, “que está a favor da cuarta quenda, pero en peores condicións”, xa que na plataforma que levou á última reunión da mesa de negociación abría a porta a pactar no ámbito de cada empresa (entre comité e dirección) as condicións do traballo en fins de semana e festivos, facilitando así a desregulación da xornada ordinaria.
De feito, hai empresas nas que xa se está facendo a cuarta quenda “e por iso no propio preacordo se introduciu unha cláusula para que o persoal se poida acoller ás condicións máis beneficiosas, no caso de existir un acordo previo de empresa en condicións máis favorábeis”.
Rematar coa fenda salarial
No relativo á fenda salarial, Abuín incidiu en que esta é a primeira negociación na que a parte social conseguiu introducir un plus adicional (do 0,3% cada para as categorías do grupo 5, ocupadas maioritariamente por mulleres) para rematar coa discriminación que sofren as traballadoras do sector e marcándose como obxectivo traballar na eliminación da fenda salarial durante a duración do convenio, para o que se creará unha comisión técnica.
De maneira complementaria, establécese que o 40% do persoal fixo e fixo-descontinuo terá que pasar á categoría de oficial de primeira e oficial de segunda. Unha reivindicación coa que se avanza na reclasificación profesional para rematar coa categoría máis baixa de auxiliares, na que moitas empresas encadran as mulleres para camuflar deste xeito a existencia das discriminacións salariais.
A representante da CIG aproveitou tamén para enviar un “recado” a CCOO, ao destacar o carácter central dos plans de igualdade como instrumento para rematar coas desigualdades nos centros de traballo, “pero resulta que en ningún dos plans que se están asinando nas empresas do sector (co aval de CCOO) se pelexa por rematar con esta discriminación”.
Apoio masivo nas asembleas
Abuín atribuíu a negativa de CCOO a sumarse ao preacordo a unha campaña máis ampla para promover a figura da ministra de Traballo en torno á data do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Fronte a esta estratexia, a representante da CIG aseverou que “a nosa central sindical nunca asina convenios que recorten dereitos aos traballadores/as e que non conte co aval do persoal afectado”. Por iso, a CIG está realizando asembleas polas diferentes empresas para explicar o contido do preacordo e sometelo ao parecer do persoal, que está a apoialo de xeito masivo.
“O que nos están dicindo as traballadoras/as nesas asembleas é que asinemos xa dunha vez. Porque canto máis se tarde en asinar máis tardará o persoal en cobrar os incrementos salariais e os atrasos. E estamos falando de 1000 euros para as categorías máis baixas”, concluíu.