A CIG saca maioría absoluta nas eleccións en Indra Soluciones da Coruña ao obter 12 de 17 delegadas/os
A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas no día de onte no centro Indra Soluciones Tecnologías de la Información SL da Coruña ao lograr 12 dos/as 17 delegados e delegadas do persoal que se escollían. A central nacionalista recibiu o 71.56% dos votos emitidos, fronte ao 16.66% que logrou CCOO e o 11.76% acadado por UGT.
As e os representantes da CIG agradecen a todos os traballadores e traballadoras da empresa a confianza que volveron depositar na súa candidatura e subliñan o compromiso na defensa dos dereitos de todo o persoal e pola mellora das condicións laborais. Un compromiso reforzado tras este contundente resultado.
Neste senso, a sección sindical indica que se porá de inmediato a traballar para constituír o comité, "facer equipo e traballar unidas e unidos en beneficio das traballadoras e traballadores de ISTI-A Coruña".
Indra Soluciones Tecnologías de la Información está situada no Polígono de Agrela e emprega a 660 traballadores e traballadoras. A empresa é produto da reestruturación que nos tres últimos anos fixo o Grupo Indra (unha das meirandes multinacionais tecnolóxicas e que aínda ten participación do Estado español).
ISTI é unha empresa consultora en tecnoloxías da información e da comunicación que presta os seus servizos para infinidade de grandes compañías e administracións públicas.