A CIG rexistra no Parlamento de Galiza preto de 14.300 sinaturas en defensa do sistema público de pensións
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG rexistrou este mércores, no Parlamento de Galiza, un total de 14.218 sinaturas dirixidas aos grupos parlamentares. Segundo explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o obxectivo é que esta institución acorde a oposición do goberno da Xunta aos ataques ao sistema público de pensións, que se adopten as medidas necesarias para que se derroguen as reformas que provocaron o seu deterioro, que se garanta o seu poder adquisitivo e que as mínimas sexan iguais ao SMI.
Paulo Carril inseriu esta recollida de sinaturas na campaña nacional que a central sindical vén desenvolvendo pola recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos. Unha campaña coa que tamén se pretende alertar dos ataques permanentes que estamos a vivir por mor da continuidade das políticas do PP no Estado e en Galiza que, neste momento, “teñen posto o punto de mira no sistema público de pensións”, afirmou.
Xunto a isto subliñou que a CIG aposta firmemente polo sistema público de pensións e considerou que “todas as dúbidas que se están a xerar arredor da súa viabilidade son interesadas para favorecer os plans privados e seguir neste camiño de recorte do sistema público, alongando os anos de referencia para o seu cálculo e, se poden, atrasar a idade de xubilación até os 70 anos”.
O secretario xeral da CIG alertou tamén de que mentres se especula coa viabilidade ou non das pensións futuras “as reformas laborais, a subcontratación, a precariedade e as tarifas planas para as empresas non cotizar á seguridade social van xerando un deterioro na vía dos ingresos”, que é onde considerou que “temos que actuar”.
Pensións por debaixo da media
Carril denunciou que tanto as e os pensionistas galegos agora como os que o serán no futuro, “somos especialmente vítimas, non só dunha diferenza salarial respecto da media do Estado senón tamén maltratados/as canto a que as pensións medias galegas están un 15-20% por debaixo da pensión media”.
Lembrou que estamos en vésperas de que remate os seus traballos a Comisión de seguimento do Pacto de Toledo no Congreso dos deputados e deputadas. Unha Comisión da que puxo en cuestión a súa boa vontade canto a defensa do sistema público de pensións, polo que avanzou que a CIG se mobilizará para preservalo igual que o fixo en 2011, cando convocou unha folga xeral en solitario contra a atraso da idade de xubilación aos 67 anos, ou en 2013, cando se mobilizou contra a reforma do goberno de Rajoy na que se impuxo que o IPC deixara de ser o referente para o seu incremento e se introduciu que, en 2019, o factor de sustentabilidade opere “para prexudicar e empeorar as pensións públicas”.
Derrogación das reformas
Nesta mesma liña Xosé Manuel González, en representación do colectivo de xubilados e pensionistas da CIG, denunciou que as sucesivas reformas das pensións e da Seguridade Social aprobadas, tanto polo PSOE como polo PP, “fan cada vez máis difícil o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as pensións de quen accede ao sistema e atrasa a idade efectiva de xubilación”.
Denunciou que nos últimos 6 anos houbo varios exercicios nos que non se revisou o importe nominal das pensións, ou que se fixera por baixo da inflación, chegando a incumprir a lei para a súa actualización pola desviación do IPC, para logo, en 2013 rematar coa anulación desta Lei.
Polo que respecta á última reforma das pensións executada polo PP na que se eliminou o IPC para incrementar as pensións, denunciou que o que se pretende é promover “un duro recorte que pode reducir até nun 20% as pensións futuras sobre as mentiras do aumento da esperanza de vida”.
Maior empobrecemento das pensionistas
González denunciou o empobrecemento do colectivo pensionista en xeral pero fixo especial mención da discriminación das mulleres nas pensións contributivas “por unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización”, que xunto a feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo o limiar da pobreza.
A isto engadiu o “roubo desde o Estado ás pensións dos/as emigrantes retornados” -que tamén se sumaron á concentración- e o estabelecemento polo Partido Popular dos repagos; a retirada de medicamentos moi usados do financiamento público, e o recobro dos medicamentos que se dan nas farmacias dos hospitais. Toda unha serie de medidas que, afirmou, “nos afectan especialmente ás/aos pensionistas e doentes crónicas/os, converténdose nun novo imposto á enfermidade e nunha grave dificultade para acceder á medicación aumentando o sufrimento das persoas”.