A CIG rexeita unha reforma das pensións “regresiva” que afonda na privatización do sistema público
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril e a secretaria de Organización, Susana Méndez, comparecían esta mañá en rolda de prensa para manifestar o rexeitamento da centra sindical á nova reforma de pensións e anunciar a convocatoria de mobilizacións para o vindeiro día 29 de marzo, data previsibelmente anterior á súa convalidación no Congreso dos Deputados/as. Unha reforma avalada por CCOO e UGT que segue o camiño do desmantelamento do sistema público de pensións cara a súa privatización converténdoo nun sistema asistencial e de beneficencia.
Unha vez publicado no BOE o R.D. de reforma das pensións, a CIG confirma o seu carácter regresivo. Así o explicaba Paulo Carril, quen comezou denunciando “a falta de respecto absoluto” que supón ter acordado esta reforma entre o Ministerio, UGT e CCOO sen pasar polos organismos de representación institucional do Estado dos que tamén fai parte a CIG, en igualdade de condicións a estes sindicatos.
“Estamos diante dun acordo que significa un mans arriba, isto é un atraco”, aseguraba. Unha reforma que “chega maquillada e dentro dunha ofensiva mediática que é presentada por un goberno español de esquerdas, totalmente protexido por CCOO e UGT, que parece que presenta unha reforma que é positiva” e que, tal e como explicou, aínda que “elimina algún aspecto lesivo” respecto do anunciado inicialmente, isto non evita que “siga sendo mala”.
Consolida as graves reformas de Zapatero e Rajoy
Carril subliñou que os elementos fundamentais e máis graves mantéñense xa que se confirma o aumento do período de cálculo das pensións e consolídanse as reformas de 2011 de Zapatero (coa que se atrasa a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e dos 15 aos 25 anos de período de cálculo) e de 2013 de Rajoy.
Explicou que, en todo caso, esta sería a terceira reforma das pensións do actual goberno, xa que en xullo de 2021 aprobou recuperar o IPC para calcular o incremento anual das pensións, mais non co IPC real interanual acumulado, senón cun novo indicador chamado “IPC medio”, que non garante o poder adquisitivo das pensións. A seguinte foi en xullo de 2022, coa aprobación dos chamados Plans de emprego de pensións, que consisten na promoción, a través da negociación colectiva, de plans privados de pensións no ámbito de cada sector, xestionados por compañías financeiras ou aseguradoras.
"Golpe de graza ás xeracións máis mozas"
Neste contexto subliñou que agora se amplía aos 29 anos o período de cálculo, afondando así na caída progresiva da contía das pensións que vimos padecendo desde 2011. Unha caída que cifrou entre o 15 e 18%, tendo en conta que o propio Banco de España ten calculado que cada ano de aumento no período de cálculo significaría un 0,5% de redución da pensións. Por iso considerou tanto máis grave que se pretenda presentar esta reforma como “neutra” no seu efecto para as persoas que están ás portas da xubilación “pero dálle un golpe de graza ás xeracións máis mozas”.
A AIREF poderá executar calquera tipo de recorte fóra do control democrático
A este respecto advertiu que a propia reforma contempla mecanismos que permiten endurecela ao lle atribuír á AIREF a capacidade para executar calquera tipo de recorte cada 3 anos, en función de que haxa unha caída na previsión de ingresos e gastos na que se sustenta esta reforma. “Parécenos gravísimo que unha institución como é a AIREF, que está fóra do control democrático de ningunha institución pública, de ningún parlamento, poida executar todo este tipo de medidas”, afirmou.
O secretario xeral da CIG criticou tamén os aspectos que se reforman para “facer sostíbel o sistema” porque alén de consideralos “insuficientes”, non se establecen en función de criterios de solidariedade na súa aplicación ao “tratar a calquera nivel de renda salarial por igual”. A este respecto asegurou que o aumento de cotizacións a través do MEI (Mecanismo de Equidade Interxeracional) sitúase no 1,2% en 2029, o que significa que “a clase obreira vai reducir a súa capacidade salarial, xa que se lle aplica un desconto maior na súa cotización”.
Con todo considerou un erro facer depender as pensións unicamente das cotizacións sen procurar abrir formas de financiamento, “vía orzamentos do Estado ou vía de impostos”, pero sobre todo, vía incremento dos ingresos á Seguridade Social, combatendo a caída dos salarios e o aumento da precariedade laboral a consecuencia das últimas reformas laborais.
Ninguén asumiu responsabilidades polo baleirado do Fondo de Reserva da Seguridade Social
Ademais recriminou que non se adoptara medida algunha co baleirado do Fondo de Reserva da Seguridade Social, que, denunciou, “foi usado dunha forma alegre” malia o que “ninguén asumiu ningún tipo de responsabilidade”. Como tampouco se puxeron medidas para rematar ou compensar a caída de ingresos da caixa da seguridade social “ante a permanente uso das bonificacións e das subvencións e das cotas da seguridade social ás cotizacións”.
Subvencións que denunciou que “diminúen a capacidade de ingresos da Seguridade Social”, ao igual que os plans de emprego de pensións que “non só empobrece máis os salarios das traballadoras e traballadores, senón que tamén aquilo que é salario que vai ir a aportar un plan de emprego e de pensións o empresario non o vai cotizar por el á Seguridade Social”.
Coberturas mínimas
Considerou que no relativo a pensións mínimas e cobertura de lagoas de cotizacións a pensións mínimas contributivas e non contributivas faise todo cunha fórmula “farragosa e confusa” e lembrou que a pensión mínima debera ser dun importe igual a un 60% do salario medio tal e como recomenda a Carta Social Europea, ao igual que o SMI. Por iso lamentou que con este acordo “as pensións mínimas, no mellor dos casos, poderán superar o limiar da pobreza, pero sen o recoñecemento legal, como nós pedimos”.
As pensións mínimas deberan ser o 60% do salario medio, igual que o SMI
Canda isto considerou tamén un elemento perverso a inclusión dos alumnos/as en prácticas formativas -tanto de universidade, como de FP- de modo “claramente insuficiente e inxusto” porque “esa cotización non garante toda a cobertura que o sistema público debera dar a unha persoa traballadora”; porque, de novo, “xera bonificacións ás empresas” e porque este colectivo sofre moito abuso laboral porque en non poucos casos as prácticas “son relacións laborais encubertas”.
Por iso concluíu rexeitando que se “atemorice á poboación da creba do sistema público de pensións para que a nosa capacidade de aforro se dirixa a fondos privados”; que “un goberno de esquerdas manteña as peores reformas feitas polo PP no seu momento” e unha “obediencia cega á disciplina neoliberal” e que isto se faga, ademais por garantir o acceso aos fondos europeos, “cartos destinados ás grandes empresas e non á economía produtiva”.
A letra pequena da reforma
Foi Susana Méndez quen fixo un percorrido pola letra pequena da reforma explicando que segundo o recollido no texto, “a partir do 1 de xaneiro do 2026 entra en vigor o novo modelo de cálculo, que recolle como norma o cómputo de 29 anos, dos que se descartarán os 2 peores”. Unha entrada en vigor que será escalonada e en convivencia co modelo anterior (o dos 25 anos) pero “ollo, nin haberá posibilidade de elixir que cómputo queremos que se nos aplique, nin tampouco a convivencia dos dous modelos será eterna, ten data de caducidade clara: 2044”.
Segundo o recollido nos puntos 23, 36 e 40 do artigo único do Real Decreto Lei, a aplicación será de oficio, e “será a propia Seguridade Social a que decida qué se aplica, en función do que considere máis favorábel”, apuntou matizando que “alguén que se xubile no ano 2040, por exemplo, non poderá escoller que tipo de cómputo se lle aplica, nin poderá escoller qué 2 anos dos 29 anteriores prefire descartar. Todo será decidido pola Seguridade Social”.
Ademais, subliñou que a partir de 2041, xa non existirá o cómputo de 25 anos, senón que irá aumentando progresivamente até confluír co de 29 anos no 2044, en que desaparecerá o modelo anterior e xa só se empregará o cómputo de 29 anos menos dous para o cálculo das contías das pensións.
Fenda de xénero
Respecto da diminución da fenda de xénero asegurou que “hai máis de propaganda que de avances reais”. Lembrou que esta fenda nas pensións maniféstase tanto na dificultade que teñen as mulleres para acceder a unha pensión, coma no tipo de pensións ás que maioritariamente” a consecuencia da fenda salarial, que actualmente está no entorno do 19%. Mais tamén porque entre as mulleres se dan menores taxas de actividade e ocupación; padecen maiores taxas de desemprego; existe unha importante segregación vertical e horizontal, é dicir, escasa proporción de mulleres nos postos de traballo de maiores salarios e concentración nos sectores de inferior nivel salarial (comercio, hostalaría, limpeza, etc.) e hai unha maior precariedade entre as mulleres.
Por iso considerou que “se non se abordan e se atallan estas graves situacións de desigualdade no ámbito laboral, dificilmente se vai eliminar a fenda de xénero nas pensións”. Cuestión á que engadiu as lesivas medidas implantadas nas reformas das pensións aprobadas en 2011 e 2013 que prexudicaron a toda a clase traballadora pero “sobre todo ás mulleres pola menor duración media dos seus tempos cotizados”.
Medidas entre as que salientou o aumento da idade de xubilación de 65 a 67 anos, ou a ampliación dos períodos cotización esixido para alcanzar o 100% da pensión, “que dificultan o acceso á pensión e reducen a súa contía”.
Por iso considerou “parches” as medidas incorporadas para paliar esa diferenza do 34% entre as pensións que cobran os homes e as que cobran as mulleres e “insuficientes mesmo para o efecto paliativo porque moitas mulleres quedan fóra delas”.
Fronte a isto defendeu a compensación dos baleiros de cotización “contando todos eses períodos cando menos como o 100% da base mínima de cotización” mais tamén que se teña en conta que moitas mulleres “inda non tendo fillos, deixaron a súa vida laboral para exerceren coidados de familiares a cargo ou mesmo unicamente pola presión dunha sociedade machista que as obrigaba a quedar na casa para coidar do marido e facer labores do fogar, non se ven compensadas con esta reforma e seguirán condenadas a pensións de miseria”.
Ademais asegurou que no caso das excedencias e reducións de xornada por coidados, “por moito que se aumente a tres anos o tempo en que contan como tempo cotizado a efectos da pensións, seguen prexudicando ás mulleres, que, como é sabido, son maioritariamente quen acude a este tipo de medidas de conciliación, polo que se non se cotiza toda a duración das reducións de xornada por coidados, ou se non se vai máis alá do límite dos tres anos para as excedencias por coidados, séguese afondando na desigualdade á hora de acceder á pensión”.