A CIG rexeita que SERVEO recorra a unha empresa externa para perseguir o persoal que está de baixa
A CIG-Servizos de Lugo quere denunciar a persecución de SERVEO, empresa concesionaria do servizo de limpeza do HULA, ás traballadoras e traballadores que se poñen enfermas. Baixo a escusa de realizar un seguimento máis efectivo e mellorar a atención das persoas en situación de IT, SERVEO contratou en febreiro deste ano os servizos médicos externos de TEBEX para que, na práctica, faga un control do absentismo e presione o persoal para que acurte o máximo posíbel da duración das baixas.
Dende que esta empresa externa (que non é a mutua que lle xestiona a cobertura das prestacións SERVEO) comezou a operar, cada vez que unha traballadora cae de baixa, en seguida é citada por teléfono para acudir a centro privado como Polusa ou outra clínica, aínda que teña dificultades para moverse polo seu estado de saúde. Pero o máis sangrante "é que, de maneira habitual, cando a traballadora acude ao lugar indicado, dinlle que non a poden atender e vólvena citar noutro centro outro día, e volve pasar o mesmo", denuncia Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos.
Critica que o persoal vai a estes servizos médicos "aínda que sexa arrastras" porque do contrario reciben ameaza de retirarlle o complemento de IT por continxencias comúns que paga a empresa por convenio. "A finalidade das actuacións desta empresa, advirte, non é mellorar a atención senón fiscalizar a saúde das persoas traballadoras, dando por suposto que cando collen unha baixa están cometendo unha fraude", critica.
A CIG-Servizos lamenta que SERVEO pague a unha empresa externa para que exerza de elemento intimidatorio e presión sobre o persoal en lugar de destinar eses cartos a analizar e adoptar as medidas necesarias para previr, precisamente, as situacións e condicións laborais que provocan que as traballadoras e traballadoras acaben enfermando.
E neste sentido, demanda o cese destas actuacións persecutorias que só buscan o aforrar cartos a conta da saúde das traballadoras e dos traballadores.