A CIG rexeita que Os Ventos pretenda culpabilizar as traballadoras do SAF de Miño pola resolución do contrato
A CIG-Servizos manifesta publicamente o seu apoio á decisión do Concello de Miño de resolver o contrato da concesión que viña prestando a empresa Os Ventos no Servizo de Axuda no Fogar, ao considerar que a situación era insostíbel e prexudicial, tanto para o persoal como para a calidade do atención que se prestaba. Non obstante, advirte que non vai consentir que, como reacción a esta resolución, a empresa trate de culpabilizar as traballadoras insinuando un suposto abandono do posto de traballo.
“Queremos deixar absolutamente claro que non existiu ningún abandono. As traballadoras ás que se fai referencia atopábanse en situación de baixa laboral debidamente xustificada, exercendo un dereito legalmente recoñecido. Intentar presentar esta realidade como unha irresponsabilidade do persoal é unha manobra inaceptábel que atenta contra a súa dignidade”, asevera a secretaria da CIG-Servizos de Ferrol, Beatriz Fernández.
Salienta que a resolución do contrato responde a unha decisión administrativa que a CIG considera necesaria, mais non se pode aceptar que se pretenda utilizar as traballadoras “como escusa ou cortina de fume para eludir responsabilidades empresariais”.
Por iso, a CIG exixe:
- Respecto absoluto á profesionalidade e á dignidade das traballadoras.
- Garantía inmediata de subrogación de todo o persoal na nova adxudicación.
- Mantemento íntegro das condicións laborais e salariais.
- Un proceso de transición transparente que asegure a continuidade do servizo.
“As traballadoras levan anos sostendo o servizo con compromiso e responsabilidade. Non son responsábeis das decisións empresariais nin das deficiencias na xestión da concesión”, conclúe Fernández.