A CIG rexeita por insuficiente a proposta de convenio de Autoestradas de Galicia
Hoxe tivo lugar unha nova xuntanza da mesa negociadora do convenio colectivo de Autoestradas de Galicia na que a dirección achegou unha proposta que para a CIG segue a ser insuficiente aínda que mellora lixeiramente a anterior. En consecuencia, a central pedirá o voto en contra nas asembleas de traballadores/as que convocarán os tres sindicatos con representación na compañía.
Dende a CIG consideran que a oferta de Autoestradas de Galicia é “cativa” dende o punto de vista económico e lembran que a revisión salarial é imprescindíbel para garantir “un mínimo de dignidade” xa que as condicións actuais son “moi precarias”. Por iso rexeita a proposta e intentará que o cadro de persoal faga o mesmo nas asembleas. Pola contra, CCOO e UGT decidiron aceptar a oferta da empresa.
Precisamente para denunciar a precariedade que padecen e reclamar un convenio digno un grupo de empregados/as volveron mobilizarse convocados/as pola CIG o pasado domingo na Peaxe de Vincios, en Gondomar, onde despregaron varias faixas demandando a mellora das súas condicións e censurando a complicidade da Xunta co inmobilismo da dirección.
Dende a central sinalan que os salarios son moi baixos, o persoal desenvolve o seu traballo en quenda de día, tarde e noite e calquera día da semana. Tamén fan fincapé en que sofren un elevado nivel de estrés, dado o tráfico que circula pola autoestrada, ademais de ter que facer uso do seu coche particular.
Mentres, a empresa rexistra beneficios ano tras ano. “Trátase dunha compañía saneada que presta un servizo esencial para a mobilidade, pero as persoas traballadoras cada vez cobramos menos e temos unhas peores condicións laborais”.
A CIG critica que, malia isto, a Xunta de Galiza sempre mira para outro lado. “Nin están nin se lles espera a uns gobernantes que prefiren que as empresas gañen cartos a que o servizo sexa de calidade, xa que non pode prestarse un servizo de calidade con persoas traballadoras mal pagadas e en condicións precarias”.