A CIG rexeita os Plans Directores de Automoción e do sector Naval presentados pola Xunta, deseñados polos clúster e avalados por CCOO e UGT

Denuncia un cheque en branco con subvencións millonarias para as empresas, sen garantía de contraprestación social algunha, nin medidas fronte ás deslocalizacións
Nacional - 14 Xan 2025

O comité de Política Industrial avalaba este luns os Plans Directores para os sectores da Automoción e do Naval presentados pola Xunta de Galiza. Plans emendados á totalidade pola CIG que presentou un documento de análise e propostas alternativo, fronte ao que considera subvencións millonarias para as empresas, sen contraprestación social algunha, e sen mecanismos para evitar novas deslocalizacións. Un “cheque en branco” ao que a central sindical se opuxo, malia as antidemocráticas manobras da consellaría.

A CIG denuncia que a Xunta, para impedir calquera cuestionamento público impuxo como mecanismo que as organización sindicais contaran como un só voto, de modo que estando a favor CCOO e UGT, o oposición do sindicato nacionalista non quedara reflectida. Unha cuestión que o secretario confederal de Emprego e Industria, Francisco González Sío, considera “vergoñenta”, tanto por parte da administración, como dos outros sindicatos, por “avalar un documento que non contempla unha soa media social” ou, como no caso de CCOO, “non presentar nin unha alegación”.

Neste sentido, González Sío rexeita, ademais, que a Xunta xustificara esta decisión alegando que estes posicionamentos son consecuencia do diálogo social, o que constata que “o diálogo social é a fosa común dos dereitos laborais”.

O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG denuncia, xa que logo, unha “práctica antidemocrática para avalar uns Plans que van destinar 185 millóns de euros para o sector da automoción e 85 millóns para o sector naval, baixo as premisas dos propios clúster e sen medidas para facer fronte á grave crise industrial que atravesan, como no caso do automóbil, pola transición ao vehículo eléctrico e pola perda de competividade”, explica González Sío.

Xunto a isto denuncia tamén que Galiza quedou fóra do reparto dos fondos Next Generation, “castigada, máis unha vez, polo propio goberno do Estado e pola inutilidade e incapacidade da Xunta para presentar proxectos que puideran acceder a esas axudas millonarias”.

Medidas fronte a crise industrial e para frear as consecuencias sociais

Fronte os Plans da Xunta, a CIG presentou un documento elaborado a partir das conclusións das xuntanzas cos diferentes sectores, ante a perda de peso da industria no PIB e na economía galega. Propostas que foron rexeitadas, na súa totalidade, pola Xunta e que contemplan medidas para mellorar a calidade do emprego, facendo estes sectores máis atraentes para que o talento do persoal máis formado non acabe na emigración.

Xunto a isto, o documento contempla a creación dunha Mesa do sector naval e outra do sector de automoción fóra das mesas de diálogo social, onde estean administración, sindicatos, patronais e universidades, para analizar a situación e poñer propostas concretas para poder afrontar a transición verde que está afondando a crise que sofren as dúas industrias; un plan para rexuvenecer os cadros de persoal; a creación de empresas de capital público-privado nas que a administración defina as estratexias de cara ao futuro e un plan de formación para as persoas máis novas cara aos perfís técnicos que vai necesitar o sector na transición dixital.

No caso da automoción, a CIG reclama, ademais, unha planta de baterías, principal compoñente do coche eléctrico, tendo en conta que “todas as comunidades do Estado que fabrican coches ou que están no sector da automoción van ter unha, menos Galiza, e as fábricas corren o risco de desaparecer”, matiza González Sío. Por iso, a central sindical demanda tamén novas plantas de compoñentes relacionadas co coche eléctrico e un plan para salvar as plantas que poidan estar en perigo de pechar pola obsolescencia dos compoñentes que producen.

E canda isto demanda que se busque carga de traballo nos países do continente asiático: China no caso do automóbil e no caso do naval, abrindo o mercado a todos os países que especializados na construción naval neste continente, e que a Unión Europea obrigue a que as empresas que reciban subvencións non poidan levar a fabricación a outros países onde se incumpren os requisitos medioambientais, sociais e laborais.