A CIG rexeita os orzamentos do Concello de Vigo “porque non están á altura da grave situación social e laboral”

A central censura as descualificacións do alcalde tras a intervención do secretario comarcal no Consello Económico e Social
Vigo - 13 Nov 2025

O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, trasladou onte no Consello Económico e Social o rexeitamento da central sindical ao proxecto de orzamentos do Concello para 2026 ao entender que “non está á altura da gravísima situación social, laboral e produtiva que atravesa a cidade”. Tras a súa intervención o alcalde, Abel Caballero, volveu acusar a CIG de querer “obstaculizar” que Vigo “vaya bien”, ao que Gonçalves reaccionou asegurando que o único obstáculo para a cidade “é quen insiste en virarlle as costas á realidade negándose a atender as necesidades da maioría social”.

O responsábel sindical criticou uns orzamentos continuístas e “alleos ás necesidades” da clase traballadora, “que renuncian a empregar a capacidade económica municipal para impulsar políticas públicas transformadoras. Vigo perde emprego industrial e aumenta a precariedade mentres milleiros de fogares teñen dificultades para chegar a final de mes”.

Nun contexto -lembrou- no que unha de cada cinco persoas están en risco de pobreza ou de exclusión social, o Goberno local debera priorizar a protección social, a vivenda pública e o emprego digno. “Mais, pola contra, mantén unha perigosa deriva privatizadora e unha xestión deficiente, con máis de 350 prazas municipais sen cubrir e máis de 12 millóns de euros sen executar no capítulo de persoal. Isto non é aforro, senón mala xestión e desmantelamento silencioso do público”.

Esta falta de persoal provoca listas de agarda “inaceptábeis” nos Servizos Sociais, mentres continúa a externalización de servizos como as conserxarías dos colexios ou as instalacións deportivas, “replicando modelos precarios propios da dereita neoliberal”. Unha política que “empobrece” o emprego e “degrada” os servizos.

Polo que na CIG reclaman unha fiscalización rigorosa das concesionarias que poña fin aos seus reiterados incumprimentos e aposta de xeito decidido pola remunicipalización de servizos básicos, como o bus urbano ou a xestión da auga, “para poñer os servizos públicos ao servizo da cidadanía no canto de favorecer o lucrativo negocio das empresas privadas”. 

A central denuncia unha "perigosa deriva privatizadora" e unha xestión deficiente, con máis de 350 prazas municipais sen cubrir e máis de 12 millóns de euros sen executar no capítulo de persoal

Ao tempo que censuran a actitude antisindical dos responsábeis municipais, que insisten na criminalización da acción sindical e descoñecen dereitos fundamentais como a liberdade sindical ou o dereito á folga. E rexeitan as descualificacións do alcalde tras a intervención do secretario comarcal no Consello Económico e Social da cidade. “O único que está en contra de que Vigo avance é o propio Abel Caballero, que insiste en virarlle as costas á realidade negándose a atender as necesidades da maioría social”.

E van máis alá: “o principal obstáculo para o desenvolvemento de Vigo é a actitude antidemocrática do rexedor, que segue sen entender que unha maioría absoluta non é un cheque en branco para impoñer a súa vontade, como demostra o continuo desprezo ás entidades e organizacións que facemos parte deste Consello, convertendo o que debera ser o máximo órgano consultivo e de participación da cidade nun trámite burocrático co que demostra que o seu Goberno non ten a máis mínima intención de escoitar nin de atender o tecido social de Vigo”.

Por todo isto, a CIG insta o Concello a modificar o proxecto orzamentario reforzando as políticas sociais, executando as ofertas públicas de emprego pendentes e impulsando un verdadeiro plan de emprego industrial e xuvenil de despregando políticas efectivas para atender o grave problema da vivenda, “porque o futuro da cidade non pode depender de propaganda nin de luces de Nadal; é hora de xestionar, de escoitar e de rectificar”.