A CIG rexeita os orzamentos de Vigo para 2023 porque non dan resposta á crise social, laboral e produtiva

Lamenta que se siga sen apostar polo emprego público, con case 400 prazas sen executar desde 2017, e que se insista nas privatizacións
- 17 Nov 2022

A CIG de Vigo amosa o seu rexeitamento aos orzamentos municipais para 2023 ao entender que “non dan resposta ao momento tan duro a nivel social, laboral e produtivo que atravesa a cidade”. Ao mesmo tempo, dende a central sindical lamentan que o Goberno local siga sen apostar polo emprego público no Concello, con case 400 prazas sen executar desde 2017, e que se insista na privatización dos servizos municipais.

Estas e outras cuestións serán trasladadas polo secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, na xuntanza do Consello Social da Cidade que se celebra hoxe pola tarde para abordar o presuposto de 2023, “reunión á que acudiremos, como sempre facemos, para deixar clara a nosa posición”. 

Non podemos avalar nin apoiar uns orzamentos que reducen as axudas sociais e que conxelan as partidas dedicadas a emprego

O primeiro no que incidirá Gonçalves é na total falta de participación na elaboración do proxecto de orzamentos. “Desde logo, non é aceptábel que se trate ao máximo organismo consultivo e de participación do Concello de Vigo, o Consello Social, como un mero trámite burocrático, e ás organizacións e entidades que facemos parte del como convidadas de pedra”, critica.

O responsábel sindical considera tamén que semella que os orzamentos foron elaborados “como se non estivésemos atravesando unha durísima crise, coa nosa industria en serias dificultades, cunha perigosa suba do desemprego, cun grave aumento do empobrecemento e da pobreza e con moitos fogares pasando verdadeiras calamidades para chegar a final de mes”. Por iso anuncia que nesta situación límite para moitas familias traballadoras “non podemos avalar nin apoiar uns orzamentos que reducen as axudas sociais e que conxelan as partidas dedicadas a emprego”.

Críticas á xestión laboral

Ao mesmo tempo, lamenta que se siga sen apostar polo emprego público no Concello, con case 400 prazas sen executar desde 2017, e que se insista na privatización dos servizos municipais. “Un camiño que vai en contra do público, que a CIG levamos anos rexeitando e que ten efectos gravísimos en servizos tan importantes como os bombeiros”.

E por último, neste Consello Social da Cidade a central volverá a trasladarlle ao alcalde e ao Goberno municipal “a nosa profunda discrepancia” pola xestión laboral do propio Concello de Vigo. “É intolerábel que o Goberno local actúe como esquirol, vulnerando dereitos fundamentais como de folga, impoñendo reiteradamente servizos mínimos abusivos, como sucede reiteradamente en cada conflito e como estamos volver a ver na folga parcial en Vitrasa.”